Belén do Campo destaca o investimento de case 114.000 € na mellora de infraestruturas rurais de Brión entre 2023 e 2025
A delegada da Xunta avaliou co alcalde esas aportacións que serven para a mellora de camiños de acceso a parcelas agrícolas
Na comarca de Santiago reciben axudas do Plan Marco 22 concellos por un importe de máis de 1,4M€ da convocatoria 24-25
Brión ( A Coruña), 16 de xaneiro de 2025
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo, visitaron hoxe o concello de Brión e salientou alí o investimento de case 114.000 euros para varias intervencións ao amparo do Plan Marco de Mellora de camiños rurais de acceso a parcelas agrícolas.
Este programa está dotado en Galicia con case 19,5 millóns de euros para 2024 e 2025, o que supón o orzamento máis alto dende 2017. En concreto, no marco da convocatoria 24-25, fináncianse actuacións por case 54.000 para a mellora dos camiños de Espiñeiros a Goiáns, dun tramo de 2000 metros, e de Os Mallos a a Ons de 910 metros, un investimento que se une ao realizado, na convocatoria 23-24, de case 60.000 euros que permitiu a ampliación da seguridade viaria de acceso á aldea de Ombre e a mellora do seu firme. A delegada da Xunta informou que na comarca de Santiago reciben estas axudas, na convocatoria 24-25, 22 concellos por un importe total de máis de 1,4 millóns de euros.
Estas axudas promoven a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas co fin último de aumentar a competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias e nunha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.
Durante o período 2016-2024 contou cunha dotación orzamentaria de máis de 130 millóns de euros, permitindo a mellora de máis de 5.450 camiños e máis de 4.280 quilómetros de vías rurais e a provincia da Coruña foi a que máis importe económico recibiu desta iniciativa na etapa mencionada, superando os 40 millóns de euros, e polo tanto, na que máis actuacións se produciron.
A delegada engadiu que a través de iniciativas coma esta, “a Xunta mantén o compromiso coa promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego”. O Plan Marco ten unha traxectoria que se remonta a 2013.
En cada convocatoria do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas repártense entre os 313 concellos os fondos dispoñibles e corresponde a cada un deles a elección dos camiños sobre os que se considera preciso actuar, así como o proxecto de obra de ampliación, mellora ou mantemento. Ademais, estes están obrigados a contratar un servizo externo de control de calidade das obras executadas.