Galicia reúne a expertos internacionais dos eidos da investigación, a universidade e a industria para o descubrimento temperá de fármacos innovadores

A directora da Axencia Galega de Innovación participou nunha xornada organizada pola Fundación Kærtor no marco do Plan de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde

Salientou o potencial da Comunidade en investigación biomédica a través das tres universidades públicas, das fundacións de investigación e do sector empresarial

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2025

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou hoxe na xornada International Think Tank on Preclinical Drug Discovery (Grupo de expertos internacional en descubrimento preclínico de fármacos) organizada pola Fundación Kærtor no marco do Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde do PERTE de Saúde de Vangarda, financiado con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, e da Rede Estratéxica de Investigación Sinerxias en descubrimento de fármacos en España. Este encontro reúne a expertos a nivel internacional procedentes de centros de investigación, universidades e industria.

A representante da Consellería de Ciencia destacou a importancia da colaboración público-privada entre institucións de investigación, líderes da industria e poderes públicos para acelerar o desenvolvemento de terapias innovadoras ante os desafíos de saúde globais, un campo que representa a vangarda da investigación biomédica con gran potencial para transformar vidas. Ademais, salientou as grandes capacidades do ecosistema galego de I+D+i neste ámbito, grazas a profesionais e institucións de primeiro nivel mundial e empresas líderes.

Na súa intervención, Carmen Cotelo lembrou o firme compromiso da Xunta á investigación biomédica a través de iniciativas clave como a Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía 2021-2025, con máis de 370 millóns de euros mobilizados en 3 anos.

Así mesmo, referiuse á participación galega no Plan Complementario de Biotecnoloxía aplicada á Saúde dentro do PERTE para a Saúde de Vangarda; ao apoio á plataforma farmacoxenómica Innopharma, unha infraestrutura avanzada con sede na Universidade de Santiago de Compostela, centrada no desenvolvemento de fármacos, desde o cribado inicial ata os ensaios clínicos; ou a posta en marcha dos programas de aceleración I2D2 (Incubation Innovation in Drug Discovery) impulsada pola Xunta de Galicia e a Fundación Kærtor en asociación con líderes mundiais da industria como Janssen, Lilly e a Asociación Española contra o Cancro.

Programa de medicina personalizada de precisión

No que atinxe ao Plan Complementario de I+D+i de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde, no marco do PERTE de Saúde de Vangarda, Galicia participa  neste programa dotado con 3M€ para avanzar no desenvolvemento da medicina personalizada de precisión, dos que a Xunta aporta 1,05M€.

Galicia achega a esta alianza infraestruturas avanzadas, librarías químicas, experiencia en xenómica, screening de fármacos, nanotecnoloxías e ciruxías avanzadas, entre outras capacidades. Así mesmo, lidera a liña de traballo centrada na plataforma de cribado de fármacos, grazas á ampla experiencia dos grupos de investigación e organizacións que participan nel. Xunto coas tres universidades públicas e ao institutos de investigación sanitaria de Galicia, cómpre destacar o labor da Fundación Kaertor no liderado da iniciativa e a experiencia previa na posta en marcha de accións innovadoras para apoiar á investigación galega no eido da medicina e a biotecnoloxía e na atracción de investimentos públicos e privados, especialmente do sector industrial farmacéutico

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2025