O conselleiro de Sanidade interveu na xornada Saúde e Clima: Desafíos e Oportunidades. Unha Galicia neutra en Carbono en 2040, celebrada en Santiago de Compostela

Gómez Caamaño salienta que o recoñecemento do Servizo Galego de Saúde como un dos sete campións climáticos mundiais acredita o liderado da comunidade en sostibilidade e saúde ambiental

A Xunta é a única institución premiada de Europa nestes galardóns que valoran a redución da pegada de carbono na asistencia sanitaria

O conselleiro de Sanidade subliña o impacto directo do cambio climático sobre a saúde

O Servizo Galego de Saúde aspira a reducir as emisións de dióxido de carbono en máis de 46.500 toneladas ao ano, ata acadar unha baixada do 60 % en 2030

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe que o premio concedido ao Servizo Galego de Saúde como un dos sete campións climáticos do mundo acredita o liderado de Galicia en sostibilidade e saúde ambiental.

Durante a súa intervención na xornada Saúde e Clima: Desafíos e Oportunidades. Unha Galicia neutra en Carbono en 2040, Gómez Caamaño lembrou que o Servizo Galego de Saúde iniciou hai máis de dúas décadas un proceso de transformacións para construír un modelo sanitario sostible que respecte o planeta e, polo tanto, tamén ás persoas.

Neste sentido, sinalou a Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde como a folla de ruta que se está a seguir para acadar o ambicioso obxectivo da neutralidade en carbono a medio prazo. A sanidade pública galega aspira a reducir as emisións de dióxido de carbono en máis de 46.500 toneladas ao ano, ata acadar unha baixada do 60 % en 2030. Isto é, o equivalente a plantar máis dun millón de árbores.

A estratexia do Sergas inclúe diferentes medidas como a eficiencia enerxética, a pegada de carbono, a redución na xeración de refugallos e o uso de combustibles fósiles, a construción de centros sanitarios con materiais sostibles como a madeira, o ecodeseño de procesos asistenciais e non asistenciais, a utilización de solucións baseadas na natureza, o fomento da investigación en I+D+i neste eido ou fomentar o consumo responsable e sostible entre pacientes, traballadores ou provedores e a formación dos profesionais, provedores, pacientes e familiares.

O cambio climático é unha das maiores ameazas a nivel económico e ambiental pero tamén é un problema polo seu impacto directo sobre a saúde. Por iso a meta final do Servizo Galego de Saúde é chegar ás cero emisións no 2040.

Precisamente o Servizo Galego de Saúde foi recoñecido como campión climático de Europa e un dos sete campións do mundo en 2024 por este traballo de planificación das infraestruturas sanitarias, de fomento da investigación en sostibilidade ou de adquisición de novas ferramentas diagnósticas e terapéuticas máis respectuosas co medio.

Na xornada entregáronse ao Sergas os premios Reto climático Saúde sen dano, organización non gobernamental Saúde sen dano entre máis de 400 institucións, representando a 26.000 hospitais en 49 países.

Así mesmo, recibiu o Ouro en Resiliencia e Liderado de Saúde sen dano. Nestes premios, o Servizo Galego de Saúde recibiu nove distincións polo seu labor de promoción da sostibilidade que tamén afonda na eficiencia do sistema e permite aforrar custos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2025