A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e co xerente da área sanitaria, Ramón Ares, interveu no acto de graduación da XIV promoción da Escola Universitaria de Enfermería
A Xunta destaca o papel estratéxico da enfermería e reivindica o seu compromiso coa excelencia na formación dos novos profesionais
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria subliña a educación de calidade ofrecida en Galicia, con formación práctica nun sistema sanitario de referencia
Pon en valor o esforzo da Consellería de Sanidade por consolidar o emprego na enfermería coa recente celebración das probas de acceso a máis de 2.200 prazas
Lugo, 29 de maio de 2026
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López, salientou o papel estratéxico da enfermería e reivindicou o seu compromiso coa excelencia na formación dos novos profesionais.
Así o destaco na súas palabras no acto de graduación da XIV promoción do Grao de Enfermería da Escola Universitaria de Enfermería de Lugo, un acto ao que tamén asistiron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares.
Sofía López puxo de relevancia a educación ofrecida en Galicia coa oportunidade de que o futuro persoal de enfermería se forme nun sistema sanitario referente pola súa capacidade asistencial e tamén pola calidade dos seus profesionais.
Neste sentido, lembrou a sinatura do Pacto pola enfermería entre a Xunta e as universidades públicas galegas para elevar a calidade do ensino, aumentar o número de profesionais formados nas universidades galegas e potenciar a actividade sanitaria.
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria abriulle aos novos graduados as portas da sanidade pública, da cal actualmente forman parte máis de 13.000 profesionais de enfermería. E fixo referencia tamén as recentes probas de 2.200 prazas de enfermería como mostra do compromiso da Consellería de Sanidade coa estabilidade do emprego no sector.
Por outra banda, Sofía López resaltou especialmente o papel esencial da enfermería. “Un papel que, ademais, vai medrando cada vez máis nun contexto no que debemos coidar a saúde dunha poboación máis lonxeva e cun maior índice de cronicidade”, sinalou a directora xeral.
Por iso, Sofía López quixo rematar a súa intervención facendo un chamamento a que o alumnado que hoxe se gradúa en enfermería teña presente que nas súas funcións, ademais do coñecemento técnico que adquiriron, “o que marca a diferenza é a empatía”.