A delegada territorial de Ferrol visitou esta mañá as instalacións do Club de Golf Campomar, en Narón, onde informou sobre esta nova convocatoria
Aneiros lembra que o prazo para solicitar as axudas para clubs e sociedades para o desenvolvemento de actividades deportivas finaliza o 30 de xaneiro
Esta orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes conta para este ano con dous millóns de euros de orzamento
Está dirixida a entidades inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia (RED) e os gastos subvencionables serán os derivados da súa participación en competicións do ano 2024
Narón (A Coruña), 17 de xaneiro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá as instalacións do Club de Golf Campomar, en O Val, onde lembrou que o prazo para solicitar as axudas da Xunta a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE) de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas finaliza o próximo 30 de xaneiro.
Durante a visita a esta entidade na que estivo acompañada do seu presidente, Francisco Castro, e outros membros da directiva, Aneiros destacou os 2 M€ de orzamento que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destina este ano á convocatoria dirixida a entidades como o Club Campomar, inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia (RED). Recalcou que para poder acceder ás mesmas é preciso non ter sido sancionada pola federación no ano anterior á convocatoria por condutas violentas, racistas, xenófobas ou intolerantes provocadas polas persoas asistentes, así como non discriminar por razón de xénero nos premios ou recoñecementos que se outorguen, entre outros requisitos.
Aneiros apuntou ademais que como novidade deste ano, os clubs solicitantes deberán estar inscritos na aplicación Actfis-Galicia Activa que sustenta o RED e será requisito tamén ter aprobado o Protocolo de Protección dos Nenos, Nenas e Adolescentes fronte á Violencia no Deporte e designada a persoa delegada de Protección. En ambos os dous casos dáse como prazo para o seu cumprimento o primeiro semestre de 2025.
Os gastos subvencionables serán os derivados da súa participación en competicións do ano 2024.
A representante da Xunta incidiu na necesidade de seguir fomentando a práctica deportiva e destacou o traballo realizado polo Club de Golf Campomar que conta actualmente con máis de 280 licenzas federativas.