A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou as instalacións deste recurso en Marín

A Xunta reforza o apoio aos concellos con máis de 5,6 M€ para a consolidación dos CIMS e accións de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero

A conselleira destacou que o investimento para sufragar os custos de persoal dos CIMS aumenta este ano un 12% con respecto ao 2024

Fabiola García sinalou que preto dun millón de euros, un 30% máis que no 2024, están destinados a desenvolver iniciativas de prevención da violencia de xénero

Ademais, lembrou que está en marcha o Plan integral de renovación e impulso dos CIMS

Marín (Pontevedra), 19 de xaneiro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou o Centro de Información á Muller (CIM) de Marín. Durante o encontro, sinalou que a Xunta segue reforzando o seu apoio aos concellos cunha achega de máis de 5,6 M€ para consolidar os CIMS e desenvolver accións de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero.

A conselleira destacou que os CIMS son un recurso fundamental na loita contra a violencia de xénero e na promoción da igualdade entre mulleres e homes. Por iso, lembrou que a Xunta vén de aprobar unha axuda de 5 millóns de euros destinada aos concellos para apoiar o pago dos 217 postos de traballo destes centros, o que supón un incremento dun 12% con respecto ao ano anterior.

Por outra banda, o Executivo galego aprobou tamén unha orde de axudas para que as administracións locais poidan desenvolver diferentes accións de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero. Ao respecto, a conselleira destacou que se trata dun investimento dun 30% máis que a convocatoria previa.

Fabiola García fixo fincapé na importancia da colaboración entre administracións para lograr unha sociedade libre de machismo e destacou que a Xunta sempre está aberta a traballar nesta materia. Neste sentido, lembrou que xa está en marcha o Plan integral de renovación e ampliación dos CIMS co obxectivo de analizar a realidade destes centros, a través da escoita activa de todo o persoal profesional, e así poder elaborar un plan con obxectivos e accións específicas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2025