A Xunta subvenciona con 60.000 euros as obras de substitución da cuberta do Pavillón Municipal de Barro
A axuda fai parte dun fondo adicional ao Fondo de Compensación Local que permitirá realizar obras de mellora da eficiencia enerxética en 17 concellos da área territorial
O total investido nesta liña na área territorial de Pontevedra é de preto de 850.000 euros
Barro (Pontevedra), 17 de xaneiro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado das obras de substitución da cuberta do Pavillón Municipal de Barro.
Esta obra, que conta cunha achega da Xunta de 60.000 euros, permitiu mellorar a eficiencia enerxética do edificio, así como a comodidade de todos os deportistas que cada día utilizan as instalacións.
As obras consistiron na substitución da chapa simple, coa que estaba executada a antiga cuberta, por unha nova de panel sandwich con illamento incorporado que, ademais de mellorar a eficiencia enerxética do pavillón, evita a condensación e elimina as antigas filtracións de auga que terminaban por danar o equipamento deportivo e o piso.
Neste sentido, o delegado territorial destacou a importancia de manter liñas de apoio que faciliten a mellora e modernización das instalacións deportivas, “moi especialmente se estas obras implican un aforro enerxético que beneficiará ao medio ambiente, pero tamén á tesourería dos concellos”.
Cabe destacar que esta partida encádrase nun fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local para a mellora da eficiencia enerxética dos edificios municipais. Esta liña adicional conta con preto de 850.000 euros que permitiron realizar 13 proxectos nos concellos da área territorial de Pontevedra. Na área de influencia da cidade de Pontevedra, ademais de Barro, beneficiouse o concello de Vilaboa.
Reguera rematou a visita lembrando a necesidade de seguir mantendo a “política de cooperación entre institucións que sempre defendinos dende a Xunta de Galicia e que está a ter un impacto moi positivo no día a día de millares de galegos e galegas”.