A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, presentou esta mañá a nova convocatoria do programa ‘Renova o teu vehículo’, acompañada por representantes de Faconauto

Lorenzana avanza que a partir do vindeiro mércores poderán solicitarse as axudas da Xunta para a compra de vehículos eficientes

Esta nova convocatoria conta cun orzamento de 3,1 M€ e subvenciona a compra de turismos e furgonetas cun custo inferior ou igual a 42.000 €, que se amplía a 47.000 € para vehículos eléctricos cunha autonomía maior a 30 km en modo eléctrico e, como novidade, en 6.000 euros máis, cando se trate dun vehículo adaptado para a condución de persoas con discapacidade ou se dispón de oito ou nove prazas

Un requisito imprescindible é que o comprador acredite a baixa definitiva de circulación dun vehículo a achatarrar, matriculado en España, de polo menos 10 anos de antigüidade se se trata dun turismo e, de cinco, se son furgonetas

A contía das axudas oscilará entre os 3.000 e os 4.000 euros segundo os niveis de emisións; a Xunta achega 2.000 ou 3.000 euros, en función do modelo, e o concesionario 1.000. A cantidade increméntase nun 20 % para as familias numerosas, polo que os apoios poden acadar os 3.400 e 4.600 euros

Prevese apoiar a renovación duns 1.400 vehículos, que mobilicen 34 M€ de investimentos directos e xeren aforros enerxéticos equivalentes a 300.000 litros de gasóleo ao ano, e económicos de 450.000 euros anuais

Ourense, 18 de xaneiro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a partir do vindeiro mércores 22 de xaneiro e ata o 30 de setembro, xa se van poder solicitar as axudas da Xunta para a compra de vehículos eficientes, dirixidas tanto a particulares como a pemes e autónomos.

Lorenzana presentou hoxe a nova convocatoria do programa ‘Renova o teu vehículo’ acompañada por representantes da Federación de Asociacións de Concesionarios da Automoción (Faconauto), onde quixo agradecer a contribución dos concesionarios galegos no deseño deste plan axudas que tivo moi boa acollida na pasada edición.

“O diálogo constante entre a Administración e as organizacións do sector é clave para afrontar os retos da electrificación e a dixitalización, así como para deseñar medidas que reforcen a nosa competitividade e, ao mesmo tempo, incentiven a demanda”, dixo, para poñer en valor o liderado da automoción galega.

Segundo explicou, o programa ‘Renova o teu vehículo’ ten tres obxectivos principais: axudar ás familias, autónomos e empresas na adquisición de vehículos novos e máis eficientes; renovar o parque móbil galego, que aínda ten unha idade media de 14 anos; e impulsar unha mobilidade sustentable e sensibilizar á sociedade sobre a importancia de reducir as emisións contaminantes.

A convocatoria

Esta nova convocatoria conta cun orzamento de 3,1 millóns de euros e subvenciona a compra de turismos e furgonetas que han de cumprir uns determinados niveis de emisións e han de ter un custo inferior ou igual a 42.000 euros (impostos incluídos), que se amplía a 47.000 euros para vehículos eléctricos cunha autonomía maior a 30 km en modo eléctrico, e en 6.000 euros máis, como novidade, cando se trate dun vehículo adaptado para a condución de persoas con discapacidade ou se dispón de oito ou nove prazas. No caso dos particulares, cobre a compra dun único automóbil e, para as empresas e autónomos, de ata dez unidades.

Un requisito imprescindible é que o comprador acredite a baixa definitiva de circulación dun vehículo a achatarrar, matriculado en España, de polo menos 10 anos de antigüidade se se trata dun turismo e, de cinco, se son furgonetas; en ambos os dous casos, co pagamento do imposto de circulación do último ano en vigor. Outra das novidades desta convocatoria é que se establecen novos umbrais de emisións para acceder ás axudas: 100 g CO2/km e 120 g CO2/km.

A contía das axudas, por concorrencia non competitiva, oscilará entre os 3.000 e os 4.000 euros segundo os niveis de emisións e, destas contías, a Xunta achega 2.000 ou 3.000, en función do modelo, e o concesionario 1.000. A cantidade increméntase nun 20 % para as familias numerosas, polo que os apoios poden acadar os 3.400 e 4.600 euros. O pago da subvención realizarase directamente ao concesionario, polo que o beneficiario final xa non terá que desembolsala previamente.

Na pasada edición, este programa permitiu a compra de 1.254 vehículos, cun impacto positivo tanto na economía como no medio ambiente. Con esta nova convocatoria, a Xunta prevé apoiar a renovación duns 1.400 automóbiles, que mobilicen 34 millóns de euros de investimentos directos e xeren aforros enerxéticos equivalentes a 300.000 litros de gasóleo ao ano, e económicos de 450.000 euros anuais. Ademais, estímase que poida favorecer a creación de mais de 276 postos de traballo directos, e unha redución de emisións de 820 toneladas de dióxido de carbono ao ano (equivalente ao efecto de 41.000 árbores).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/01/2025