O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, rubricaron os acordos que supoñen un reforzo do investimento

Xunta e UVigo asinan dous acordos para impulsar o Campus Auga e o edificio de aeronáutica en Ourense cunha folla de ruta planificada de 21 M€

O campus recibe 3,2M€ extraordinarios logo da súa acreditación, o que eleva o investimento do Goberno galego ata os 11,7M€ desde 2013

A Consellería compromete 9,3M€ na construción do novo edificio de Aeronáutica, para o que hoxe se asina unha partida de 3,1M€

O conselleiro destaca a aposta da Xunta pola especialización dos campus que fortalece a Galicia e salienta o proxecto da UVigo como polo tractor da provincia

Pon en valor o gran traballo da Universidade arredor das titulacións de Aeronáutica, que están entre as máis demandas polo alumnado

Ourense, 23 de xaneiro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron hoxe os primeiros convenios para impulsar o Campus Auga tras acadar a súa acreditación como campus de especialización e a construción da nova Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Estes acordos elevan a 21M€ o investimento no Campus de Ourense para avanzar na súa estratexia de crecemento arredor destes eidos.

O titular de Educación destacou a aposta da Xunta de Galicia pola especialización dos campus. “Desde hai máis dunha década impulsamos esta estratexia para fortalecer o Sistema Universitario de Galicia, creando polos de coñecemento apegados ás potencialidades e necesidades do territorio que nos sitúan á vangarda do ensino universitario, da investigación e da innovación”, afirmou.

No que atinxe ao Campus Auga, explicou que este novo acordo posibilita o desenvolvemento dun plan estratéxico para favorecer a visibilidade nacional e internacional do campus ao tempo que se consolida a  súa especialización e calidade da docencia e da investigación. 

“O Campus de Ourense leva desde 2013 impulsando este proxecto e funcionando como un polo tractor da economía e do coñecemento na provincia”, dixo o conselleiro. “A acreditación de especialización e esta nova folla de ruta van seguir impulsándoo como xerador de investigación, riqueza e emprego para o sector da auga”, sinalou.

Román Rodríguez puxo en valor tamén “o gran traballo que está a realizar a Universidade de Vigo coas titulacións de Aeronáutica, que malia contar con apenas unha década de historia xa teñen un gran prestixio e están entre as máis demandadas polo estudantado”. “Este novo edificio permitirá, sen dúbida, que esta área de coñecemento medre aínda máis”, subliñou.

Nova folla de ruta

O Campus Auga é o terceiro en acadar a acreditación da Xunta como campus de especialización, o que supón un investimento de 3.256.000€ por parte da Xunta para o desenvolvemento do plan estratéxico. Súmase aos case 8,5M€ que leva investido o Goberno autonómico desde 2013 neste campus, ano no que arrancou o proxecto.

A través desta folla de ruta impulsarase a formación avanzada e de calidade arredor das tres áreas temáticas do campus: a alimentación funcional, a agricultura e o medio ambiente e a xestión de auga termal. Tamén se continuará favorecendo a internacionalización da investigación e a promoción da transferencia do coñecemento cara a sociedade, a industria e as institucións. Así mesmo, o Campus Auga deberá poñer en marcha accións encamiñadas á captación de talento, á potenciación da empregabilidade dos seus egresados, á promoción da internacionalización das titulacións e ao fortalecemento das infraestruturas de investigación.

Plan de infraestruturas universitarias

O investimento no novo edificio para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo enmárcase no Plan de infraestruturas universitarias da Xunta de Galicia, a través do que o Goberno galego inxecta 40M€ ata 2026 ás tres universidades públicas para a renovación das súas instalacións. Con este orzamento prevese mobilizar arredor de 100M€ en obras de construción e mellora. 

Ao abeiro deste plan, o Goberno galego colaborará coa Universidades de Vigo en distintos proxectos ata 2026. Entre eles, sobresaen os 9,3M€ para a construción da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, en Ourense. O acordo rubricado hoxe supón unha partida de 3.105.000€

O obxectivo do plan é seguir avanzando na consolidación da excelencia e calidade do Sistema Universitario de Galicia, a través de melloras nas infraestruturas dos sete campus, tanto rehabilitacións como construción de novos edificios modernos para facultades e centros de investigación adaptados aos retos de futuro. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/01/2025