A Xunta e os sindicatos asinan un protocolo para a protección das persoas empregadas públicas vítimas de violencia de xénero

A iniciativa aplicarase ás persoas empregadas públicas da Administración xeral da Xunta e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico

Ademais de dar apoio ás vítimas e protexelas no ámbito laboral, o protocolo facilitará a estas traballadoras a súa continuidade laboral e informaraas das medidas acordadas no Plan de igualdade

Recolle tamén os pasos a seguir polo servizo de persoal da consellería á que pertence a vítima no prazo máximo de 48 horas

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2025

A Xunta e as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral (CC.OO., CIG, CSIF e UXT) asinaron hoxe o Protocolo da Administración autonómica para a protección ás persoas empregadas públicas vítimas de violencia de xénero. Nun acto presidido polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, fíxose a sinatura formal dun documento aprobado o pasado verán no Consello de Goberno.

Trátase dunha iniciativa que se vai aplicar a todas as persoas empregadas públicas da Administración xeral da Xunta e ás entidades públicas instrumentais do sector autonómico: organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e consorcios autonómicos.

O protocolo nace para dar apoio ás vítimas de violencia de xénero e protexelas no ámbito laboral, facilitando a estas persoas a continuidade laboral, ademais de informalas das medidas acordadas no Plan de igualdade e das dispostas na normativa legal vixente, facilitando aquelas que sexan adecuadas en cada caso.

Así mesmo, promove unha cultura de tolerancia cero á violencia de xénero na Administración xeral da Xunta e sensibiliza a todas as persoas traballadoras para conseguir a igualdade efectiva entre mulleres e homes. Tamén establece o procedemento de comunicación e as garantías de confidencialidade, intimidade e dignidade da vítima.

A elaboración deste protocolo é unha das medidas previstas no I Plan de Igualdade da Xunta de Galicia (medida 8.10). Recolle os pasos a seguir ante a comunicación dunha situación de violencia de xénero. Así, o servizo de persoal da consellería á que pertence a vítima ten que levar a cabo unha serie de actuacións no prazo máximo de 48 horas, como informar e asesorar á persoa afectada; entrevistarse con ela para informala das medidas laborais e sociais contempladas no Protocolo e dos dereitos para acollerse inmediatamente a estas; acompañala en todo o proceso e guiala na solicitude dos seus dereitos.

O documento reflicte ademais as medidas xa establecidas tanto na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, como no Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico. Medidas entre as que figuran: o traslado do posto de traballo, a posibilidade de redución da xornada de traballo, horario flexible por razón da conciliación da vida persoal e familiar ou a posibilidade de teletraballo. E sempre garantindo a confidencialidade da vítima.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/01/2025