A Xunta realiza labores de conservación nun tramo de 4,3 km do rego do Pazo, no Concello de Trazo

As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante 5 semanas e inclúen a retirada de árbores caídas e biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2025

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento nun tramo de 4,3 quilómetros do rego do Pazo, no concello de Trazo.

As tarefas, que se desenvolverán nas parroquias de San Cristovo de Xavestre e Santa María de Chaián, que xa foron comunicadas ao Concello, consistirán na retirada de árbores caídas e biomasa para evitar atoamentos. Os traballos prolongaranse durante aproximadamente cinco semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras, e co apoio doutra maquinaria de maiores dimensións, como un tractor e un camión.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo dependente do Executivo galego, este tramo fluvial quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección.

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2025