O conselleiro de Sanidade interveu, esta tarde en Santiago de Compostela, na apertura do curso académico 2025 da Academia de Enfermería de Galicia
Gómez Caamaño destaca o compromiso da Xunta co impulso do papel e do peso da enfermería no sistema sanitario público de Galicia
Remarca que a Xunta está a tomar medidas para incrementar a contratación de máis persoal de enfermería e lembra que a oferta de emprego público do Sergas inclúe 152 prazas
Incide en que os orzamentos da Xunta de 2025 recollen a creación de 210 prazas na categoría de enfermería, outras 178 para estabilización e 2 máis para o Programa de Reprodución Asistida
Sinala que o Executivo galegoatende como un asunto prioritario a mellora das condicións do persoal de enfermería
Agradece o labor da Academia de Enfermería de Galicia no fomento da investigación e a divulgación para contribuír ao desenvolvemento e ao prestixio da profesión
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe o compromiso da Xunta co impulso do papel e do peso da enfermería no sistema sanitario público de Galicia. Así o puxo en valor na apertura do Curso Académico 2025 da Academia de Enfermería de Galicia, que tivo lugar esta tarde en Santiago de Compostela.
O titular da carteira sanitaria sinalou non só a profesión de enfermería, senón, tamén, o compromiso, a dedicación e a paixón que definen a todas as persoas que a exercen. Remarcou que a enfermería é un elemento vertebrador do sistema sanitario e do estado de benestar, coa capacidade de protexer a saúde das persoas e de elevar notablemente a súa calidade de vida.
Nun contexto como o actual de falta de médicos, de dispersión territorial, de poboación máis lonxeva e de incremento da cronicidade, Gómez Caamaño dixo que a enfermería se erixe como un activo de enorme valor que é necesario fortalecer, potenciar e coidar.
A tal efecto, o máximo responsable da saúde da cidadanía galega dixo que o seu departamento atende como un asunto prioritario a mellora das condicións do persoal de enfermería, entendendo que o seu benestar é esencial para garantir a excelencia da asistencia sanitaria.
Incremento de prazas
Gómez Caamaño incidiu en que a Xunta está a desenvolver todas as fórmulas posibles para incrementar a contratación de máis persoal de enfermería e, a tal fin, a nova oferta de emprego público presentada polo Servizo Galego de Saúde inclúe 152 prazas pertencentes ás diferentes especialidades.
Xunto ao anterior, os orzamentos da Xunta deste ano recollen a creación de 210 prazas na categoría de enfermería, outras 178 para estabilización e 2 máis para o Programa de Reprodución Asistida.
Ademais, o Executivo galego está a adoptar medidas normativas para facilitar a incorporación de máis capital humano ao cadro de persoal de enfermería do Servizo Galego de Saúde e aposta por unha maior especialización, formación e investigación nesta categoría profesional como piar da sanidade pública do futuro.
O conselleiro agradeceu o labor da Academia de Enfermería de Galicia, fomentando a investigación e a divulgación para contribuír ao desenvolvemento e o prestixio deontolóxico desta profesión.
Gómez Caamaño rematou a súa intervención incidindo na aposta da Xunta por asegurar un sistema sanitario sostible, eficiente e humano, comprometeu escoita e diálogo ante as necesidades deste colectivo e a adopción de políticas públicas para afrontar os retos de xeito conxunto.