As residencias de maiores da Milagrosa e das Gándaras, en Lugo, renovan o certificado que garante a calidade dos seus servizos

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou hoxe o centro da Milagrosa, no que se acometerán obras de rehabilitación integral por importe de 1,7 M€

Destaca que estas acreditacións reflicten o compromiso de mellora continua por parte do persoal que se ocupa da atención aos usuarios

Lugo, 28 de xaneiro de 2025

As residencias públicas autonómicas da Milagrosa e das Gándaras, en Lugo, veñen de renovar o certificado outorgado por Aenor que garante a calidade dos seus servizos conforme a requisitos e estándares internacionais.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou hoxe o centro da Milagrosa, onde destacou que esta acreditación reflicte o compromiso de mellora continua por parte do equipo de profesionais que se ocupa da atención residencial, persoal, psicosocial e sociosanitaria dos usuarios.

Arias lembrou ademais que a Consellería de Política Social e Igualdade, titular da residencia, está a agardar dende hai meses pola licencia municipal para poder executar unha reforma integral das instalacións, na que investirá 1,7 millóns de euros.

A intervención permitirá modernizar a fachada e optimizar o illamento térmico, incluída a substitución das carpinterías exteriores e a renovación da cuberta. Tamén se remodelará a entrada principal, habilitaranse novas salas de convivencia e reordenarase a área sanitaria, entre outras melloras.

O centro da Milagrosa conta con 54 prazas de atención residencial para persoas maiores autónomas.

Exposición

O delegado territorial aproveitou tamén para ver a mostra de fotografías da ONG Hospitaleros sin Fronteras, que estes días se expón na residencia da Milagrosa.

A exposición reúne 15 fotografías realizadas pola organización sarriana na súas viaxes a Senegal, a onde se desprazan periodicamente para levar roupa, material e medicamentos e para contribuír na manutención e na educación de preto dun cento de nenos talibés. A mostra estivo tamén previamente no CAPD de Sarria e na residencia de maiores de Monforte.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/01/2025