A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou un convenio de colaboración coa presidenta da entidade

A Xunta e a Federación de Persoas Xordas colaborarán para formar a persoal dos espazos naturais de Galicia en lingua de signos

Ángeles Vázquez subliña que o obxectivo é facilitar o coñecemento e o acceso das persoas xordas e xordo-cegas aos principais espazos protexidos galegos, así como a instalacións públicas como os centros de interpretación e as aulas da natureza

A FAPXG seguirá ofrecendo un servizo de intérpretes de lingua de signos e de guías-intérpretes en eventos, actos e percorridos para dar a coñecer estas zonas

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2025

A Xunta e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG) volverán colaborar este ano co obxectivo de mellorar a accesibilidade aos espazos naturais da Comunidade.

Nesa liña, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a presidenta da FAXPG, María Alonso, renovaron esta mañá o convenio que desde hai varios anos manteñen ambos organismos co fin de avanzar na eliminación das barreiras comunicativas e contribuír a favorecer a integración social das persoas xordas.

De feito, segundo subliñou Ángeles Vázquez, este ano o convenio inclúe como novidade o desenvolvemento de accións de formación en lingua de signos para persoal que traballe na Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático na área de Patrimonio Natural e, máis en concreto, nos espazos naturais da Comunidade.

O obxectivo do Goberno galego con este convenio —para o que achegará un financiamento de 10.000 euros— é facilitar o coñecemento e o acceso das persoas xordas e xordo-cegas aos principais espazos naturais protexidos da Comunidade, así como a aquelas instalacións públicas destinadas a divulgar información sobre os mesmos, como os centros de interpretación e as aulas da natureza.

Así, ao abeiro dese convenio, garantirase un servizo especializado nas accións de comunicación, actos e eventos de carácter institucional que se promovan desde a Xunta así como nas visitas que se organicen a este tipo de espazos para facilitar a participación das persoas xordas e que poidan gozar plenamente da experiencia de percorrer e coñecer os principais espazos naturais protexidos de Galicia.

Para facilitar ese obxectivo, a Federación comprométese a ofrecer un servizo especializado neste tipo de accións de difusión, garantindo unha comunicación real e efectiva entre persoas xordas, xordo-cegas e persoas oíntes a través da posta a disposición de intérpretes de lingua de signos e de guías-intérpretes para apoiar ás persoas xordo-cegas. Ademais, entre as obrigas asumidas pola FAPXG tamén figura a realización de códigos QR adaptados á linguaxe de signos para a súa colocación nos espazos naturais de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/01/2025