Belén do Campo supervisa as melloras realizadas na Casa do Concello e na Oficina de Información Xuvenil de Aranga e destaca as axudas de máis de 132.000 euros do fondo de compensación ambiental do 2025 e 2026

A delegada explicou que as achegas do Fondo de Compensación Ambiental competitivo do 2025 e non competitivo do 2026 permitiulles renovar a carpintaría da Casa do Concello o ano pasado a levarán a cabo a renovación exterior do edificio este ano

A representante do Goberno autonómico destacou que as dúas liñas do Fondo de Compensación Ambiental —a non competitiva, dirixida aos concellos onde hai parques eólicos e liñas de evacuación, e a competitiva, aberta ao conxunto das entidades locais— permiten impulsar proxectos útiles e duradeiros para mellorar a calidade ambiental e o benestar veciñal

Aranga (A Coruña), 28 de xullo de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acmpañada polo alcalde Aranga, Alberto Platas, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego coa preservación do medio ambiente e coa mellora da calidade de vida da cidadanía, durante unha visita a Casa do Concello de Aranga, onde se levou a cabo a mellora da súa carpintaría , grazas a unha achega da Xunta de case 30.000 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental competitivo do ano 2025. Ademais, a delegada anunciou que este Concello na resolución do 2026  aprobouselle unha axuda doutros máis de 36.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental non competitivo para levar a cabo o acondicionamento exterior tamén da Casa do Concello.

Belén do Campo referiouse a outras dúas axudas recibidas por este municipio deste mesmo fondo. Concretamente, no ano 2025, case 36.500 euros da liña non competitiva para o acondicionamento exterior da Omix (Oficina de Información Xuvenil) de Aranga, unha actuación xa executada, e outros case 30.000  aprobados no 2026 da liña competitiva para a mellora da envolvente do anexo ao CEIP Castellana. 

A representante do Goberno autonómico subliñou que este Concello entre o ano 2025 e 2026 fóronlle aprobadas axudas de máis de 132.500 euros das dúas liñas do Fondo de Compensación Ambiental competitiva y non competitiva.

“A través do FCA contribuímos á conservación da biodiversidade, á protección do medio natural e á recuperación sostible dos municipios galegos”, sinalou a delegada. Ademais, destacou que as dúas liñas de actuación —a non competitiva, dirixida aos concellos onde hai instalados  parques eólicos e liñas de evacuación, e a competitiva, aberta ao conxunto das entidades locais— permiten “impulsar proxectos útiles e duradeiros para mellorar a calidade ambiental e o benestar veciñal”.

A Xunta reafirma así o seu compromiso cun desenvolvemento sostible, solidario e respectuoso coa contorna, apoiando aos concellos galegos na preservación do seu medio ambiente. 

Obras Casa Concello e Omix

Durante a visita, a delegada puxo en valor o investimento de case 30.000 euros, que permitiu renovar a carpintería exterior do edificio municipal co obxectivo de incrementar a súa eficiencia enerxética, reducir o consumo de enerxía e mellorar as condicións de confort para traballadores e usuarios das instalacións.

A actuación consistiu na substitución da carpintería exterior da Casa Consistorial, edificio que acolle as oficinas municipais, o departamento de Servizos Sociais, o salón de plenos e unha aula de informática. Grazas á instalación de novas ventás con mellores prestacións térmicas, conséguese reducir as perdas de calor no inverno e limitar a entrada de calor no verán, diminuíndo así as necesidades de calefacción e o consumo enerxético.

Neste sentido, tamén anunciou que este Concello ten aprobada este ano outra axuda de case 30.000 de euros da liña non competitiva para seguir realizando melloras neste edificio concretamente, para o acondicionamento e pintura exterior do inmoble.

A representante do Goberno autonómico aproveitou a visita para supervisar tamén as obras de acondicionamento exterior da Omix (Oficina de Información Xuvenil) que consistiron no revestimento térmico da fachada exterior.

Belén do Campo incidiu en que estas actuacións demostran o compromiso da Xunta coa modernización das infraestruturas municipais e coa implantación de medidas que permitan un uso máis racional da enerxía, mellorando ao mesmo tempo a calidade dos servizos públicos que reciben os veciños.

Fondo Compensación Ambiental 2025-2026

A representante da Xunta lembrou que o Fondo de Compensación Ambiental 2025 distribuíu en toda Galicia 9,2 millóns de euros nas súas modalidades competitiva e non competitiva, co propósito de redistribuír o canon eólico e reinvestilo na conservación, restauración ambiental e reequilibrio territorial. 

Na provincia da Coruña, o ano pasado, as dúas liñas do Fondo de Compensación Ambiental contaron, a non competitiva con máis de 2,2 millóns de euros para 49 beneficiarios e a competitiva con case 700.000 euros para 26 beneficiarios. En total, resultaron beneficiarios na Coruña 60 concellos e o Consorcio das Mariñas e a Mancomunidade de Concellos de Ferrol.

Na comarca  de Betanzos a contía destas axudas do fondo de compensación ambiental non competitivo ascendeu a case 126.000 euros e beneficiaron a 5 concellos de Aranga, Curtis, Irixoa, Sobrado e Vilasantar. Na liña competitiva foron beneficiarios 5 concellos Oza-Cesuras, Coirós, Vilarmaior, Aranga e o Consorcio das Mariñas por un importe total de preto de 174.000 euros.

A delegada da Xunta tamén recalcou que xa está resolta a liña competitiva Fondo de Compensación Ambiental (FCA) 2026, destinado a apoiar os concellos na mellora do medio natural. 

En concreto, dos 3 millóns destinados ao financiamento desta liña en concorrencia competitiva resultaron beneficiarias máis dun cento de entidades locais de toda a comunidade. Na provincia da Coruña foron beneficiadas 23 entidades locais por un importe de case 615.000 euros e concretamente na comarca de Betanzos 4 municipios, Aranga, Coirós, Oza-Cesuras, Vilarmaior e o Consorcio das Mariñas por un importe total de preto de 110.000 euros.

A segunda liña en concorrencia non competitiva dotada con 6 millóns de euros en Galicia dirixida aos concellos nos que haxa parques eólicos e liñas de evacuación este ano ten aprobadas na comarca de Betanzos axudas por importe de preto de 125.000 euros para os concellos de Aranga, Curtis, Irixoa, Sobrado e Vilasantar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2026