A Xunta busca oportunidades de negocio para a investigación galega na feira internacional Science for Industry de Madrid
Unha delegación galega con máis de 20 entidades e coa directora da Axencia Galega de Innovación á fronte conta cun stand propio neste evento
Esta acción enmárcase no Programa Ignicia Transferencia de Coñecemento que ten como obxectivo apoiar a chegada ao mercado dos resultados da investigación
Madrid, 29 de xaneiro de 2024
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP encabeza a delegación galega que participa na feira internacional Science for Industry-S4i que se celebra en Madrid para promover a chegada ao mercado da investigación realizada en Galicia. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou hoxe na inauguración deste evento que se prolongará ata mañá.
No stand institucional da Xunta participan máis dunha vintena de entidades do ecosistema galego de I+D+i, entre universidades, centros tecnolóxicos, clústeres, fundacións, entidades de capital risco, aceleradoras e administración, que buscan explorar novas oportunidades de negocio para os seus proxectos.
Baixo o lema Onde a ciencia se atopa coa industria, Science for Industry ten como propósito facilitar as conexións entre universidades, centros de investigación, empresas líderes e fondos de investimento en ciencia de todo o mundo.
A participación neste evento enmárcase no programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, promovido pola Xunta de Galicia, e que ten como obxectivo conectar o gran potencial da ciencia excelente e o entorno empresarial para converter a investigación en solucións de mercado.
Integrantes da delegación galega
Da man da Axencia Galega de Innovación, participan no stand institucional as Universidades da Coruña, Santiago e Vigo, a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), os centros tecnolóxicos Anfaco-Cecopesca, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Gradiant e Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), os clústeres Bioga, Clúster de Saúde de Galicia e Clúster TIC, a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e a Fundación Empresa Universidad Gallega (FEUGA) e as entidades de capital risco UNIRISCO e a aceleradora BFAero, así como empresas asociadas a estas entidades.
O Programa Ignicia é unha iniciativa singular e pioneira en España, que contribúe desde 2016 á transformación do modelo económico en Galicia como mostran as súas cifras de balance. Destaca o apoio do programa a 32 proxectos, a chegada ao mercado de 13 deles (10 spin-offs e 3 acordos coa industria), a creación de máis de 140 empregos altamente cualificados ou a captación de máis de 26 millóns de euros en investimentos e financiamento público-privado.