A Xunta colabora co Club de Billar Adai na proba do circuíto de España feminino que acollerá O Corgo esta fin de semana
O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación do evento, que reunirá neste concello lucense ás mellores xogadoras do panorama nacional
Destacou que o campionato se celebra este ano nunhas instalacións renovadas, despois das obras de mellora executadas na antiga escola de Adai co apoio do Goberno galego
O Corgo (Lugo), 29 de xaneiro de 2025
O Corgo será escenario esta fin de semana da terceira proba da Copa de España Feminina de Billar, impulsada polo Club de Billar Adai. O evento conta coa colaboración da Xunta.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na presentación da cita xunto co presidente do club, Pablo Marqués; e o alcalde do Corgo, Felipe Labrada, entre outras persoas.
A proba desenvolverase o sábado e o domingo – 1 e 2 de febreiro – e será a terceira das Copas de España Femininas da actual tempada, que comezaron en outubro en Viella (Asturias), continuaron en novembro en Córdoba, agora no Corgo e finalizarán en abril en El Campello (Alicante). As catro competicións son decisivas para determinar a clasificación para os Campionatos de Europa de Billar.
O evento contará con 24 xogadoras do máximo nivel, como a catalana Silvia López ou a valenciana Eva Vivas. Este ano non poderá participar Maite Ropero, varias veces campioa de España e integrante do Club de Billar Adai, xa que nas mesmas datas competirá en Birmingham, nos Estados Unidos, nun evento clasificatorio para os campionatos mundiais.
As probas que se disputarán en Adai serán retransmitidas en directo a través da plataforma especializada www.cuescore.com e polos organizadores a través das súas redes.
Instalacións renovadas
Arias gabou a iniciativa do Club para lograr que por segundo ano consecutivo O Corgo sexa escenario dun evento desta relevancia, que ademais nesta ocasión desenvólvese nunhas instalacións renovadas, despois das obras de mellora executadas na antiga escola de Adai co apoio da Xunta.
Así, o delegado apuntou que o Goberno galego achegou ao Concello 60.000 euros no marco da liña do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local para levar a cabo actuacións de mellora da eficiencia enerxética neste local, empregado pola entidade para levar a cabo as súas actividades, que inclúen torneos e clases de billar para nenos e nenas. Os traballos apoiados pola Xunta centráronse na renovación da cuberta.