O conselleiro de Sanidade interveu no acto de inauguración da xornada “Retos en VIH: buscando solucións aos novos desafíos”

Gómez Caamaño destaca o compromiso da Consellería de Sanidade co obxectivo de erradicar o VIH no ano 2030 e a mellora da calidade de vida dos pacientes

Remarca que a prevalencia da sida ten unha tendencia descendente desde hai 20 anos, e en 2023 o número de casos por 100.000 habitantes caeu a 4,3

Agradece o labor investigador do grupo liderado por Eva Poveda na Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur

A Xunta mantén a aposta pola prevención cun cribado de VIH nas urxencias hospitalarias dirixido a persoas cun posible indicador de infección

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reiterou o compromiso da Xunta coa erradicación do VIH no ano 2030 e tamén coa mellora da calidade de vida dos pacientes. Asegurouno durante a inauguración da xornada “Retos en VIH: buscando solucións aos novos desafíos”, celebrada esta tarde no Edificio administrativo de San Lázaro.

Na súa intervención, o conselleiro lembrou que en Galicia, desde 2004 a tendencia da prevalencia da sida é descendente, moi por debaixo da media estatal. En 2023, concretamente, o número de casos por 100.000 habitantes caeu ata os 4,3, mentres que a media estatal se sitúa arredor dos 9,6 casos.

Gómez Caamaño referiuse ao esforzo que a Consellería de Sanidade está a facer en prevención, como alicerce para erradicar o virus. Neste sentido, lembrou que está en marcha o cribado oportunista Urxencias VIHXÍA, dirixido a toda persoa maior de 16 anos que acode a urxencias cun posible indicador de infección. 

No que respecta á mellora da calidade de vida dos pacientes, máis de 6.300 persoas reciben un tratamento antirretroviral en Galicia actualmente. Así, a Xunta recentemente impulsou a adquisición destes fármacos cun investimento de case 40 millóns de euros e que inclúen os últimos tratamentos contra o VIH que ofrecen resultados máis eficaces.

Para afrontar o reto de erradicar este virus en Galicia para 2030, a Consellería de Sanidade aposta pola ciencia e a innovación en saúde. Por iso, Gómez Caamaño subliñou o traballo da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur no marco da sida e outras enfermidades de transmisión sexual, que se están a incrementar especialmente entre a xuventude. En particular, louvou o liderado da directora científica da Fundación, Eva Poveda, investigadora principal do grupo de viroloxía e patoxénese.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/01/2025