Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, visitou a firma luguesa, beneficiaria das liñas de axuda da Axencia Galega de Innovación

O conselleiro de Ciencia sinala a empresa Norvento como un exemplo de colaboración cos centros de investigación

O Goberno galego lanzará este ano a nova convocatoria Nexos, que prevé chegar a 50 proxectos e 200 beneficiarios para apoiar traballos de I+D+i

Cun orzamento de 20 M€ cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, destaca a priorización de varios ámbitos temáticos e a incorporación por primeira vez de custos simplificados

Lugo, 31 de xaneiro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe a empresa Norvento Enerxía, beneficiaria das liñas de axuda da Axencia Galega de Innovación en materia de I+D+i. Acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o titular de Ciencia puxo de exemplo a esta firma lucense polo seus proxectos innovadores nos que “a colaboración entre empresas e centros de investigación resulta fundamental para sacar adiante proxectos que benefician ao conxunto da sociedade”.

Román Rodríguez animou a Norvento Enerxía, así como a todas as empresas galegas e centros de coñecemento, a que opten á nova liña de axudas Nexos que lanzará a Xunta no segundo trimestre deste 2025. A convocatoria estará dotada con máis de 20 M€ cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 e prevé chegar a 50 proxectos e 200 beneficiarios co fin de apoiar proxectos de I+D+i.

Entre as novidades desta liña de axudas destaca a priorización dun número reducido de ámbitos temáticos e a incorporación de custos simplificados na xustificación das axudas, evolucionando así o programa ConectaPeme que funcionaba anteriormente. Durante a vixencia deste último programa, a empresa Norvento foi beneficiaria cos proxectos Modul e Varal, polos que recibiu máis de 323.000 euros.

Neste sentido, o representante do Goberno galego fixo fincapé na importancia de reforzar o vínculo entre empresas e centros tecnolóxicos, así como de estender a innovación por todo o territorio galego. “Desde a Xunta seguimos a traballar para transformar o tecido empresarial e incrementar o número de profesionais dedicados á investigación, así como para poñer o foco na importancia da colaboración público-privada, fundamental para achegar a I+D+i ao ámbito local e rural”, remarcou.

Xeración de enerxía limpa

Co proxecto Modul, polo que Norvento recibiu máis de 221.000 euros, buscouse desenvolver tecnoloxías que permitan facilitar a implantación de enerxía limpa en rexións remotas. O proxecto, que rematou con éxito, permitiu redeseñar o aeroxerador a nivel mecánico, fabricar unha carcasa exterior lixeira de aluminio e unha grúa de autoelevación.

No caso do proxecto Varal, o que achegou 102.000 euros á firma lucense, tiña como obxectivo solucionar os problemas de tratamento e valorización de subprodutos e efluentes residuais da industria láctea, logrando numerosos efectos positivos como a identificación dos residuos ou o nacemento dun nicho de mercado importante. Iso permite obter produtos de valor engadido, auga para regadío e biogás para autoabastecemento.

Román Rodríguez coñeceu as instalacións de Norvento Enerxía e puido ver de cerca o traballo que realizan en materia de innovación. Especializada na xeración de enerxía 100% renovable e no deseño e desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas para un mundo descarbonizado, este grupo dedícase á promoción, construción e explotación de plantas de enerxías renovables. As tres áreas principais de actuación son a enerxía, a enxeñaría e a tecnoloxía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2025