Lorenzana preside a toma de posesión do novo director da Axencia Galega da Industria Forestal

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe a toma de posesión do novo director da Axencia Galega da Industrial Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos. Durante o acto, Lorenzana puxo en valor “a súa magnífica experiencia tanto técnica e forestal como desde o punto de vista da xestión e o seu extenso coñecemento do territorio”. E subliñou ademais, que agora “ten moitísimos retos por diante nunha industria e nun sector económico que é moi relevante para Galicia”, dixo.

Fernández Ríos é enxeñeiro de Montes pola Escola Politécnica Superior de Lugo desde o ano 1997. No ámbito profesional, foi nomeado funcionario de carreira da Administración autonómica no corpo facultativo superior na escala de Enxeñeiros de Montes no 2003 e desde entón desempeñou diferentes postos de responsabilidade nas consellerías de Medio Ambiente e do Medio Rural. Na actualidade, ocupaba o cargo de director da Área de Información Forestal da Axencia Galega da Industria Forestal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2025