A conselleira de Política Social e Igualdade asistiu esta tarde á presentación do club pontevedrés
A Xunta apoia ao equipo de ciclismo feminino Team Farto, un exemplo do impulso pola igualdade de xénero no deporte profesional
A conselleira de Política Social e Igualdade desexou o mellor dos éxitos “nunha tempada especial e chea de retos”
Agradeceu o traballo realizado polo equipo nos seus sete anos de traxectoria, sendo un referente en Galicia e no resto do país
Fabiola García animou ás deportistas a seguir rompendo barreiras e avanzando no deporte feminino
Pontevedra, 31 de xaneiro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada da directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta tarde na presentación oficial do equipo de ciclismo feminino Team Farto. Durante o acto, destacou que estas deportistas son un exemplo do impulso pola igualdade de xénero no eido do deporte profesional.
Fabiola García trasladou ao equipo ciclista os seus mellores desexos para o que dixo é: “unha tempada especial e chea de retos”. Aproveitou a ocasión tamén para agradecerlles os sete anos de traxectoria deste club, o único de carácter profesional e feminino do ciclismo en Galicia e que xa se consolidou como un referente na comunidade e no resto do país.
Así mesmo, agradeceu ás deportistas o seu esforzo para romper barreiras e alcanzar metas dentro do deporte profesional. Nesta liña, a conselleira destacou que son as mellores embaixadoras dos valores deportivos e da igualdade entre mulleres e homes. Por iso mesmo, animounas a seguir pedaleando a prol dunha Galicia máis deportista e máis igualitaria.