A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas mantivo esta mañá un encontro de traballo coa Asociación de Promotores Inmobiliarios da provincia de Pontevedra
María M. Allegue aborda con Aproin asuntos relativos ao urbanismo en Vigo e na súa área metropolitana
Allegue tamén fixo fincapé na importancia de sumar esforzos entre as administracións públicas e os actores privados para facilitar o acceso dos cidadáns á vivenda
A Xunta segue avanzando na execución de vivendas de promoción pública, con máis de 1.700 en distintas fases de tramitación e execución, e no desenvolvemento de solo residencial para facilitar a construción de 25.000 vivendas, 20.000 delas protexidas
Vigo, 31 de xaneiro de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, abordou hoxe coa Asociación de Promotores Inmobiliarios da provincia de Pontevedra (APROIN) asuntos relativos ao urbanismo en Vigo e na súa área metropolitana.
María M. Allegue mantivo esta mañá un encontro de traballo co presidente de APROIN, Javier Garrido, e con representantes desta entidade.
Nesta reunión, ademais a conselleira trasladou ao colectivo as medidas excepcionais que a Xunta ten adoptado para facilitar e axilizar a construción de vivenda, e para incentivar a promotores públicos e privados a construír inmobles que contribúan a reforzar o parque residencial na comunidade.
A conselleira destacou a importancia de sumar esforzos entre as administracións públicas e os actores privados para facilitar o acceso dos cidadáns á vivenda.
De xeito paralelo, cómpre lembrar que a Xunta segue avanzando na execución de novas vivendas de promoción pública, xa con máis de 1.700 en distintas fases de tramitación e execución, e no desenvolvemento de solo residencial para facilitar a construción de 25.000 vivendas, 20.000 delas protexidas e 5.000 libres.