A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada do novo director da Xera, Alfredo Fernández, mantivo hoxe encontros de traballo con representantes de LugoMadera, a Fundación Arume e Fearmaga

Lorenzana subliña o compromiso da Xunta coa innovación e a internacionalización do sector forestal-madeira que representa o 12 % do emprego industrial en Galicia

Avoga pola colaboración e a modernización para afrontar os retos da globalización dos mercados

Pon en valor as axudas xa convocadas pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) para os anos 2024 e 2025 que superan os 14 millóns de euros

A Coruña, 1 de febreiro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a aposta da Xunta polo sector forestal-madeira en Galicia e ratificou o seu compromiso coa innovación e a internacionalización desta industria.

Lorenzana mantivo esta mañá encontros de traballo coa Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo (LugoMadera), da Fundación Arume, e da Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia (Fearmaga), nos que aproveitou para presentar ao novo director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos.

A cadea de valor forestal-madeira representa o 12 % do emprego industrial en Galicia e o 2 % do emprego total da Comunidade. Segundo os últimos datos publicados -referidos ao ano 2023-, Galicia aproveitou case 9,8 millóns de metros cúbicos de madeira, o que a consolida como unha das principais rexións produtoras de Europa. Ademais, a facturación desta industria supera os 2.400 millóns de euros anuais e abrangue xa unhas 3.000 empresas distribuídas por toda a xeografía galega.

Neste marco, a conselleira avogou pola colaboración e pola modernización para afrontar retos como a globalización dos mercados, a dixitalización dos procesos e a necesidade da sustentabilidade ambiental, retos que tal e como explicou, aborda o plan director do sector forestal-madeira que está a elaborar a Xunta.

Máis de 14 millóns de euros en axudas

A titular de Economía e Industria, tamén puxo en valor as axudas que a Xera xa convocou para os anos 2024 e 2025 por importe superior a 14 millóns de euros. Entre elas, destacan as axudas para a realización de proxectos que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais; os apoios para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais; ou as axudas para a valorización das pemes da primeira e segunda transformación da madeira e do segmento do contract ligadas á cadea monte-industria. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/02/2025