O presidente da Xunta visitou hoxe as instalacións da compañía no polígono naronés do Río do Pozo
Rueda destaca o Grupo Cándido Hermida como un referente do prestixio internacional de Galicia no sector contract
Agradece a visión emprendedora e a aposta da firma pola innovación, o talento e a formación, destacando a súa colaboración pioneira coa FP Dual na comarca
Reafirmou o compromiso da Xunta co tecido empresarial e coa industria forestal-madeira a través de medidas como o Plan Director, dotado con 114 M€, e as axudas específicas para o fomento da construción en madeira
Narón (A Coruña), 22 de xullo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe as instalacións do Grupo Cándido Hermida no polígono naronés do Río do Pozo, onde puxo en valor a traxectoria de máis de catro décadas desta compañía e a súa contribución á modernización e ao prestixio internacional da industria da madeira e o sector contract de Galicia. “Ser agora mesmo provedor de empresas e proxectos moi esixentes de todo o mundo é algo que fala moitísimo da Galicia Calidade”, asegurou.
Acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, Rueda agradeceu a visión empresarial, o inconformismo e a vocación emprendedora do fundador desta compañía, que hoxe dá emprego a máis de 600 persoas e está presente en máis de 80 países.
Así mesmo, o titular do Executivo autonómico subliñou o compromiso da empresa coa formación das novas xeracións, ao ser unha das firmas pioneiras da comarca en colaborar coa FP Dual, axudando a transmitir a mensaxe de que os oficios teñen un gran futuro e proxección profesional. “Precisamos que empresas deste tamaño e deste prestixio sexan as nosas aliadas”, destacou.
Alfonso Rueda garantiu que o Goberno galego continuará a ser un aliado directo das empresas que arriscan, crean riqueza e xeran postos de traballo, polo que enfatizou a necesidade de que as administracións públicas faciliten a actividade económica, eliminen trabas burocráticas e acompañen ás compañías no seu crecemento. De forma especial, destacou a importancia de respaldar a empresas familiares coma esta, que representan o 94 % do tecido produtivo galego e constitúen a columna vertebral da economía da comunidade.
Apoio decidido ao sector forestal-madeira
O titular da Xunta reafirmou o compromiso do Executivo autonómico coa cadea de valor da madeira e a sostibilidade. Nesta liña, lembrou a recente aprobación do Plan director da industria forestal-madeira 2026-2028, dotado con 114 millóns de euros e 88 medidas orientadas a consolidar a Galicia como un referente nacional e internacional nesta materia.
Así mesmo, fixo referencia á posta en marcha da nova convocatoria de axudas do programa XERA-Madeira, cun orzamento de 5 millóns de euros para fomentar o uso deste material en obras novas, rehabilitacións e reformas de naves, establecementos e vivendas, unha iniciativa pioneira en España. “A xente ten que ver que a madeira, cos tratamentos e técnicas actuais e con empresas como esta, ten enormes posibilidades sen nada que envexarlle a ningunha outra técnica construtiva nin a ningún outro material”, asegurou Rueda. Ademais, reiterou o compromiso da Administración autonómica de “dar exemplo” e incorporar madeira na estrutura de ata o 20% das súas edificacións públicas.