O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e a directora xeral de Promoción da Igualdade reuníronse cos representantes das Unidades de Igualdade destas institucións

A Xunta pon en valor a colaboración coas tres universidades públicas para impulsar iniciativas de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero

Na reunión cos equipos das Unidades de Igualdade acordaron seguir traballando en conxunto para a posta en marcha de novos programas orientados a promover as masculinidades igualitarias, a corresponsabilidade e a prevención da violencia de xénero

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2025

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, reuníronse esta mañá cos representantes das Unidades de Igualdade das tres universidades públicas de Galicia. Neste encontro destacaron a importancia da colaboración entre a Xunta e as institucións educativas para impulsar accións de promoción da Igualdade e prevención da violencia de xénero.

A Administración galega financia a través dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e do Plan Corresponsables diferentes programas nestas institucións para traballar coa comunidade educativa diferentes aspectos relacionados coa igualdade de xénero, para combater o machismo e rachar cos estereotipos. Nesta liña, acordaron seguir colaborando para poñer en marcha novos programas orientados a promover as masculinidades igualitarias, a corresponsabilidade e a prevención da violencia de xénero.

Ademais, Quintiana e Barba e as representantes destas institucións apostaron pola conexión entre a comunidade educativa dos recursos dispoñibles para a atención ás vítimas de violencia de xénero como os centros de crise 24 horas ou os centros Quérote +. Con respecto a isto, tanto María Quintiana como Roberto Barba agradecen o bo traballo e a intensa colaboración das tres Unidades de Igualdade, destacando o constante diálogo e apoio mutuo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/02/2025