Gómez Caamaño interveu esta tarde na apertura do Curso Académico 2025 da Real Academia Galega de Ciencias, onde o doutor Ángel Carracedo pronunciou a conferencia inaugural
O conselleiro de Sanidade salienta o proxecto Xenoma Galicia como un dos grandes fitos do progreso científico da comunidade
A recompilación do ADN da poboación galega posibilitará determinar o risco de padecer cancro de mama e ovario herdados, a síndrome de Lynch ou hipercolesterolemia familiar
O responsable de Sanidade felicitou aos científicos premiados pola Fundación Barrié-e a Real Academia de Ciencias e remarcou o compromiso da Xunta coa investigación
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe o proxecto Xenoma Galicia como un dos grandes fitos do progreso científico na comunidade. Así o manifestou no acto de apertura do Curso Académico 2025 da Real Academia Galega de Ciencias, no que o doutor Ángel Carracedo pronunciou unha conferencia sobre esta iniciativa que impulsa o Goberno galego, co lema O Proxecto Xenoma de Galicia: unha oportunidade para a nosa terra.
No acto, no que tamén participou o secretario Xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro, Gómez Caamaño destacou que o proxecto Xenoma suporá un grande avance sanitario, posto que a recompilación e posterior análise do ADN dos galegos posibilitará determinar o seu risco de padecer cancro de mama e ovario herdados, a síndrome de Lynch ou hipercolesterolemia familiar.
O xenotipado da poboación galega, abundou Gómez Caamaño, permitirá, ademais, sentar as bases para un amplo campo de investigación sanitaria de futuro.
Tras a entrega dos premios cos que a Fundación Barrié e a Real Academia Galega de Ciencias recoñecen a excelencia investigadora na nosa comunidade, o conselleiro de Sanidade remarcou o compromiso da Xunta coa investigación como sinónimo de progreso.
Nesta liña, lembrou a adscrición das tres fundacións de investigación sanitaria de Galicia á Consellería de Sanidade, unha medida que posibilitou mellorar as condicións do persoal investigador e fortalecer a aposta científica. “Estamos profundamente orgullosos dos nosos institutos de investigación”, uns centros que son referente no ámbito da innovación e que contan coa acreditación do Instituto da Saúde Carlos III.