Luis León, xunto co director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Sergas, mantivo un encontro de traballo cos presidentes da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña e en Pontevedra

O xerente do Servizo Galego de Saúde reúnese coa Asociación Española Contra o Cancro para coñecer as liñas estratéxicas e os principais ámbitos de actuación da entidade

Na reunión abordouse o impulso do Executivo autonómico ao Centro de Coidado Integral do Cancro de Galicia e a próxima posta en marcha do Centro de Protonterapia

Tamén abordaron a recente creación do Consello Técnico Asesor dos Programas de Detección Precoz de Cancro, que desenvolve a Dirección Xeral de Saúde Pública e co que a Xunta dá resposta ao compromiso asumido coa asociación

O xerente destaca o valor da colaboración entre as institucións sanitarias e o movemento asociativo para mellorar a atención ás persoas con cancro

Ambas as partes coincidiron na importancia de seguir fortalecendo os espazos de cooperación para avanzar nunha atención cada vez máis centrada nas necesidades dos pacientes, promover a prevención e reforzar o apoio á investigación e humanización da asistencia

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2026

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, mantivo un encontro de traballo con representantes da Asociación Española Contra o Cancro para coñecer, de primeira man, as liñas estratéxicas e os principais ámbitos de actuación da entidade.

Na xuntanza estiveron presentes, ademais do xerente do Servizo Galego de Saúde, o director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Sergas, Alfredo Silva, e, por parte da Asociación Española Contra o Cancro, Ana García, presidenta da asociación en Pontevedra e actual responsable autonómica, Javier Álvarez, presidente da xunta provincial da asociación na Coruña e, Adolfo Santos, xerente da entidade en Pontevedra.

Ao longo do encontro, os representantes da AECC presentaron os seus programas de apoio integral a pacientes e familiares, as súas iniciativas de promoción de hábitos de vida saudables e prevención do cancro, así como o seu compromiso co impulso da investigación oncolóxica e a redución das desigualdades no acceso aos recursos sociosanitarios.

Por parte da Xunta, abordouse o impulso que se lle está a dar ao proxecto para dispoñer do Centro de Coidado Integral do Cancro de Galicia, así como a próxima posta en marcha do Centro de Protonterapia, que estará tratando pacientes oncolóxicos entre finais deste ano e principios de próximos.

Na reunión falouse, tamén, da recente creación por parte da Xunta do Consello Técnico Asesor dos Programas de Detección Precoz de Cancro, compromiso adquirido polo Goberno galego coa AECC e que desenvolve a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Este consello é un órgano colexiado de carácter consultivo que facilitará a participación da sociedade na coordinación dos cribados oncolóxicos, ademais de servir de espazo de análise e apoio experto.

Mediante esta iniciativa, o Executivo galego dá un novo impulso á loita contra o cancro, posto que, ademais de contar coa representación dos pacientes, o novo consello reunirá profesionais de diferentes ámbitos para fortalecer a mellora continua dos programas de cribado, o que suporá máis participación na coordinación, máis coñecemento e mellores decisións para salvar vidas. Este consello técnico contribuirá, así mesmo, a incorporar con maior rapidez os avances científicos e tecnolóxicos aos programas de detección precoz, co que a prevención se sitúa no centro da sanidade galega.

O xerente do Servizo Galego de Saúde agradeceu o labor que desenvolve a AECC en toda a comunidade e destacou o valor da colaboración entre as institucións sanitarias e o movemento asociativo para mellorar a atención ás persoas con cancro.

Ambas as partes coincidiron na importancia de seguir fortalecendo os espazos de cooperación para avanzar nunha atención cada vez máis centrada nas necesidades dos pacientes, promover a prevención e reforzar o apoio á investigación e á humanización da asistencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/07/2026