A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou a nova estación de tratamento de augas residuais de Boqueixón

A Xunta completa as obras da nova EDAR de Sergude cun investimento de máis de 1,8 M€ para triplicar a capacidade de depuración na contorna

A instalación está preparada para dar servizo a unha poboación equivalente de 3.000 persoas e foi construída ao abeiro dun convenio de colaboración entre o Executivo galego e o Concello de Boqueixón

Ángeles Vázquez salienta que a depuradora, que será entregada nos vindeiros días ao Goberno local, permite mellorar a rede de saneamento do municipio e unificar o tratamento das augas residuais nos núcleos de Sergude e de Lestedo

Boqueixón (A Coruña), 6 de febreiro de 2025

A Xunta completou as obras da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Sergude, no concello de Boqueixón, tras un investimento de máis de 1,8 millóns de euros. As novas instalacións triplican a capacidade de tratamento da anterior depuradora -que se atopa nas inmediacións- ao chegar aos 3.000 habitantes equivalentes co ano 2042 como horizonte.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe as instalacións, onde explicou que as actuacións se desenvolveron no marco dun convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Boqueixón no que o Goberno galego se comprometeu a asumir arredor do 80% do investimento.

A responsable autonómica destacou que a nova EDAR, que será entregada nos vindeiros días ao Concello, permite mellorar a rede de saneamento e unificar o tratamento das augas residuais nos núcleos de Sergude e de Lestedo.

Esta infraestrutura, que contou con cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, dispón dunha liña de auga, outra de lodos e redes auxiliares co fin de optimizar o tratamento de augas residuais da contorna.

Ángeles Vázquez salientou que esta actuación forma parte do esforzo económico da Xunta para mellorar o estado das augas nas rías e ríos galegos así como para reducir a pegada hídrica da comunidade.

De feito, Augas de Galicia conta este ano cun orzamento de preto de 144 millóns de euros, dos que 73 millóns de euros irán para a mellora das infraestruturas vencelladas co ciclo integral da auga.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2025