A Xunta consolida a súa aposta polo comercio de proximidade coas novas achegas aos centros comerciais abertos
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe en Arteixo na presentación da campaña de dinamización do comercio local En febreiro, en Arteixo, celebramos o amor, promovida polo Centro Comercial Aberto do municipio
A convocatoria de 2025 destinada a estas entidades publicarase mañá no DOG por valor de 2,5M€ cunha intensidade da axuda que pode chegar ata o 90 %
Trala presentación desta iniciativa, o director xeral participou na xuntanza da mesa local de comercio da localidade na que tamén estiveron o alcalde de Arteixo, outros representantes municipais e de comerciantes da localidade
Arteixo (A Coruña) , 6 de febreiro de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe o comercio Brooklyn, un dos establecementos adheridos ao Arteixo Centro Comercial Aberto, para a presentación da campaña En febreiro, en Arteixo, celebramos o amor, que ten como obxetivo a dinamización das compras locais destacando valores como a igualdade, a diversidade e o respecto.
No acto — que tamén contou coa participación do alcalde do municipio, Carlos Calvelo— o director xeral fixo fincapé no compromiso do Executivo galego co labor que desenvolven os Centros Comercias Abertos da comunidade, enriquecendo non só a experiencia de compra, senón tamén a vida social e cultural das vilas e cidades. Neste sentido, lembrou que mañá o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará a convocatoria de 2025 das axudas destinadas a estas entidades dotada con 2,5M€, cunha intensidade da axuda que pode chegar ata o 90 % e con novidades para impulsar e potenciar ao máximo estas figuras.
Así, estes apoios buscan primar a calidade e a excelencia das propostas de dinamización, sinalando que as asociacións poderán concorrer a premios extraordinarios de 50.000 euros para a realización de actividades en coordinación con concellos e outras entidades.
Mesa local de comercio
Ademais, Gabriel Alén participou na xuntanza da mesa local de comercio da localidade, un encontro que contou coa participación de diferentes representantes municipais e de comerciantes da localidade.
Gabriel Alén destacou o papel fundamental destas mesas como foros de cooperación, debate e participación entre a administración autonómica, local e os axentes representativos do tecido comercial, na mesma liña de colaboración e escoita activa do proceso participativo que impulsou a Xunta para recoller as achegas de todo o sector en relación ao Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030, que se prevé ter listo neste primeiro trimestre.