A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe o parque empresarial de Sigüeiro no municipio de Oroso
Lorenzana anuncia unha nova convocatoria de axudas por importe de 3 M€ para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais galegos
Subliña que estes apoios contribúen á modernización e á competitividade dos polígonos industriais
“Queremos dar resposta ás novas necesidades que teñen estas instalacións para fixar a atraer novos investimentos”, di
O prazo para que os concellos galegos soliciten estas axudas estará aberto ata o vindeiro 7 de marzo
Oroso (A Coruña), 7 de febreiro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe unha nova convocatoria de axudas por importe de tres millóns de euros para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais galegos.
Lorenzana realizou unha visita ao parque empresarial de Sigüeiro no municipio de Oroso, que foi receptor o ano pasado de arredor de 100.000€ para a mellora de infraestruturas viarias no marco desta liña de apoios. “Estas axudas contribúen á modernización e á competitividade dos polígonos industriais e facilitan que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas que necesitan para levar a cabo a súa actividade”, apuntou.
Neste sentido, subliñou que “queremos dar resposta ás novas necesidades que teñen estas instalacións para modernizalas e ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías e promover o emprego local”.
A conselleira tamén insistiu no compromiso do Goberno galego co tecido empresarial da Comunidade e apelou a seguir colaborando e traballando xunto cos concellos para “fixar industria e atraer novos investimentos”, destacou.
A liña de axudas
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta convocatoria que se manterá aberta ata o vindeiro 7 de marzo. Os apoios son de concorrencia competitiva e están dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.
As axudas teñen unha intensidade do 80% ata un límite máximo de 120.000 euros nos caso de solicitudes individuais e de 138.000 no caso de que sexan conxuntas. Prevense, ademais, anticipos de ata o 25% da axuda concedida.