A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe varios establecementos adheridos a este programa e ao do Bono Enerxía Peme

Lorenzana destaca a excelente acollida do programa Renova o teu vehículo, que acumula xa máis de 600 solicitudes en dúas semanas

Destaca que, segundo o tipo de motor, estas axudas están sendo máis demandas para vehículos híbridos de gasolina, seguidos dos de gas natural (GLP), gasolina, os híbridos enchufables e os eléctricos puros

Apunta que se levan rexistradas case 300 solicitudes do Bono Enerxía Peme, a maioría, procedentes do sector da hostalería, o comercio ou perruquerías

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 8 de febreiro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe a “excelente” acollida que está a ter o programa da Xunta Renova o teu vehículo, que acumula xa máis de 600 solicitudes -176 na provincia de Pontevedra-, e leva esgotado máis da metade do crédito dispoñible en apenas dúas semanas, 1,8 M€.

Lorenzana visitou hoxe en Vilagarcía de Arousa o concesionario Hyupersa, adherido a esta iniciativa que, polo momento, rexistra unha maioría de solicitudes por parte de particulares (case o 98%) e  un 2,2 % de autónomos e empresas.

En concreto, destacou que, segundo o tipo de motor, estas axudas están sendo máis demandas para vehículos híbridos de gasolina, seguidos dos de gas natural (GLP), gasolina, os híbridos enchufables e os eléctricos puros.

A conselleira destacou que, con este programa que leva xa dúas edicións, Galicia é das primeiras comunidades autónomas en aprobar un plan de apoios específico para incentivar a compra de vehículos eficientes entre particulares e empresas, cun orzamento de 3,1 millóns de euros e axudas máximas de ata 4.600 euros segundo o nivel de emisións. Na pasada edición, permitiu a adquisición de 1.254 vehículos.

Bono Enerxía Peme

Lorenzana tamén visitou esta mañá a tinturería San Remo e o gastro-bar Andaina, que resultaron beneficiarios do programa Bono Enerxía Peme, para axudar a establecementos do sector servizos a renovar equipamento e facer melloras que lles permitan gañar en eficiencia enerxética e reducir, así, a factura eléctrica.

Segundo indicou, desde que se abriu o prazo da convocatoria da quinta edición o pasado 17 de xaneiro, xa leva esgotado máis da metade do crédito, 1,3 M€. Polo de agora leva rexistradas case 300 solicitudes, a maioría, procedentes do sector da hostalería, o comercio ou perruquerías.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2025