Medio Rural impulsa e mellora a boa gobernanza nos montes veciñais en man común e nos montes de varas cun investimento de máis de 2,37 M€

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas axudas, das cales se aprobaron 504 expedientes, na súa maioría de montes veciñais en man común

A través destas achegas prevese actuar nun total de 3.688 quilómetros, sendo a provincia de Ourense a que lidera o número de quilómetros obxecto de actuación, cun total de 1.619,89

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural das axudas, en concorrencia competitiva, destinadas ao impulso da boa gobernanza nas entidades de xestión dos montes veciñais en man común e dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo, cun orzamento de case 2,37 millóns de euros para beneficiar 504 expedientes.

Estas achegas foron convocadas inicialmente en xaneiro de 2024 cun orzamento de 490.000 euros, para despois aumentar aos máis de 2,37 millóns de euros debido á elevada demanda de solicitudes recibidas, evidenciando o interese e a necesidade das comunidades na adopción de medidas que melloren a súa gobernanza. Entre as actuacións subvencionables destacan as revisións de esbozos das carpetas-ficha e as actuacións para os deslindamentos parciais.

Sobre os beneficiarios, en relación cos montes veciñais en man común aprobáronse un total de 501 expedientes, o que supón 2,35 millóns de euros. A territorialización reflicte unha distribución equilibrada das axudas entre as provincias galegas, cunha lixeira maior concentración en Ourense (177 solicitudes) e Pontevedra (181 expedientes), que suman o 70,23% dos expedientes totais. Estas provincias tamén rexistran os maiores importes asignados, destacando Ourense con máis de 914.500 euros, preto dun 39% da dotación total.

Con estas axudas prevese actuar nun total de 3.688 quilómetros. Ourense é a provincia que lidera o número de quilómetros obxecto de actuación, cun total de 1.619,89; mentres que Pontevedra se atopa de novo en segundo lugar con 1.116,84 quilómetros. Lugo son 774,17 quilómetros de actuación e na Coruña levaranse a cabo actuacións en 177,49 quilómetros, ao ser a provincia con menor superficie forestal.

Por outra banda, en relación cos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo aprobáronse todas as solicitudes presentadas cunha asignación total de 21.288 euros nas provincias de Lugo -nos concellos de Ribeira de Piquín e Becerreá- e Ourense -no concello de Entrimo-.

Cabe sinalar que este tipo de apoio económico representa unha oportunidade significativa para estas comunidades, permitindo avanzar cara unha maior claridade na delimitación das súas propiedades e unha mellora da gobernanza destes montes, que son parte do patrimonio forestal e cultural galego.

Plan Forestal de Galicia

Estas axudas enmárcanse no Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR) de España, máis concretamente na compoñente 4, enfocada na “conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade”; que ten como obxectivo alcanzar un bo estado de conservación dos ecosistemas mediante a súa restauración ecolóxica cando sexa necesaria, e reverter a perda de biodiversidade, garantido un uso sostible dos recursos naturais e a preservación e mellora dos seus servizos ecosistémicos.

Ao mesmo tempo, están vencelladas co Eixo III da Primeira Revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Este plan ten como finalidade adoptar as medidas estruturais e dinamizadoras, para o monte e a propiedade forestal galega, necesarias para procurar unha plena actividade forestal que xere rendas e emprego para o medio rural. Trátase tamén de que contribúa á fixación da poboación no rural, á conservación e mellora do ambiente e ao desenvolvemento socioeconómico sustentable do sector forestal galego na súa incorporación á bioeconomía e á economía circular e ás enerxías renovables.

Ligazón ao anuncio no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250210/AnuncioG0426-140125-0008_gl.html

Data de actualización: 10/02/2025