A Xunta concede preto de 60.000 € á confraría de Barallobre para a modernización dos equipamentos e infraestruturas portuarias
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá as instalacións do pósito para comprobar o resultado das actuacións de mellora levadas a cabo e o novo material adquirido
Comprobou tamén o desenvolvemento da campaña de extracción da vieira na ría de Ferrol na que participan membros das confrarías de Barallobre, Ferrol e Mugardos
Fene (A Coruña), 10 de febreiro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a Confraría de Pescadores de Barallobre, en Fene, onde puxo en valor as últimas actuacións realizadas nos equipamentos pesqueiros e instalacións portuarias co apoio do Goberno galego.
Así, a confraría recibiu dúas achegas de 59.370 euros para a modernización e mellora dos equipamentos e das infraestruturas dos portos pesqueiros, dos lugares de desembarque e das lonxas; unha para a adquisición dun produtor de xeo e dúas mesas de aceiro inoxidable e outra para un proxecto de illamento das instalacións no que se inclúen actuacións na cuberta, fachadas e o saneado e pintado interior da nave.
A Confraría de Barallobre é unha das cinco confrarías da área territorial beneficiarias desta convocatoria de subvencións da Consellería do Mar que o pasado ano deixou preto de 321.000 euros en axudas en Ferrol, Eume e Ortegal, tal e como indicou a delegada territorial.
Durante a visita na que estivo acompañada do patrón maior, Jorge López e da directora territorial da consellería, María José Cancelo, Aneiros lembrou que a Xunta ten aberta unha nova convocatoria ata o próximo 20 de febreiro dotada con 9 M€ a repartir entre as anualidades 2025 e 2026 co obxectivo de que confrarías, cooperativas ou organizacións de produtores vinculados ao sector pesqueiro modernicen as infraestruturas dos portos pesqueiros, lonxas ou os establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros.
Así indicou que a través delas o Goberno galego sufraga actuacións de mellora da eficiencia enerxética, da protección do medio ambiente ou da seguridade e condicións de traballo dos profesionais deste sector. Tamén serán subvencionables actuacións para optimizar a calidade e incrementar o control e rastrexabilidade dos produtos desembarcados así como para mellorar a seguridade das infraestruturas fronte a eventos meteorolóxicos provocados polo cambio climático.
Balance da campaña de extracción de vieira
A responsable da Xunta aproveitou tamén a visita para comprobar o desenvolvemento da campaña de extracción da vieira que está a levar a cabo esta confraría e na que participan membros deste pósito e dos de Ferrol e Mugardos
Tal y como indicou o patrón maior, un total de 12 barcos traballan nesta campaña, unha das dúas autorizadas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro na ría de Ferrol actualmente e que se prevé que se prolongue ata o 27 de febreiro. O tope máximo de extracción é 40.800 quilos, uns 1.700 quilos ao día, que están sendo adquiridos de forma íntegra pola empresa Artesa Rías Baixas SL, encargada da depuración e evisceración deste bivalvo e a súa posterior comercialización ao fresco ou no conxelado.
Segundo puido comprobar a delegada territorial, os labores de extracción son controlados directamente por veterinarios e persoal do Servizo de Gardacostas adscritos á Consellería do Mar que precinta os vehículos que transportan a vieira debidamente acondicionada ata a planta de evisceración, onde para poder comercializarse lle eliminan o hepatopáncreas, branqueas e outros tecidos brandos.
Na campaña levada a cabo o pasado ano, a través da lonxa de Barallobre extraéronse un total de 25.000 quilos de vieira, cunha media de 1.500 quilos ao día durante os 16 días que durou a campaña.