Belén do Campo anima ás entidades coruñesas a solicitar as axudas para as asociacións veciñais

A delegada da Xunta mantivo un encontro cos representantes da recentemente constituída Agrupación Coruñesa de Asociacións Veciñais da Coruña

A representante do Goberno autonómico lembrou que, este ano, o orzamento da orde se incrementa ata os 4M€, un millón máis que o ano pasado

A Coruña, 10 de febreiro de 2025

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo un encontro cos representantes da recentemente constituída Agrupación Coruñesa de Asociacións Veciñais da Coruña. Na reunión felicitou aos seus responsables pola iniciativa de unirse cun obxectivo común como é o defender os intereses dos cidadáns da cidade e trasladoulle o apoio do Goberno galego para levar adiante as súas iniciativas e proxectos. Pola súa banda, os representantes veciñais trasladáronlle asuntos de interese para esta entidade como o transporte metropolitano, e temas de mobilidade, as vivendas de uso turístico ou a contaminación acústica.

Neste senso, informoulles que, nestes momentos, está aberto o prazo de solicitude da convocatoria de 2025, ata o 17 de febreiro, destinada ás asociacións veciñais (incluídas confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños) e asociacións de mulleres rurais para a realización de obras nos locais sociais, adquisición de mobiliario e equipamento e reparación de captacións e traídas de auga, no caso das comunidades de usuarios de augas.

Belén do Campo explicou que a convocatoria deste ano conta con 4 M€ de orzamento, un máis que o pasado ano, o que supón un incremento do 33,3% co que o Goberno galego pretende recoñecer o papel fundamental que estas entidades xogan na dinamización da vida social e cultural e na mellora da calidade de vida dos veciños, especialmente en zonas rurais

Lembrou que, como todos os anos, a orde conta con dúas liñas de actuación: unha destinada a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais das asociacións veciñais e de mulleres rurais, dotada de 3,4 M€ e outra para a dotación de equipamento para o funcionamento das mesmas e a organización de actividades específicas que conta con outros 600.000 euros de orzamento.

A delegada lembrou que as contías económicas poden cubrir o 100% do investimento realizado ata un máximo de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 para a dotación de equipamentos.

As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta e as asociacións deberán estar inscritas no rexistro de entidades de Galicia ou no libro de rexistro de augas do correspondente organismo de conca como titulares de aproveitamento de augas no caso das comunidades de usuarios de augas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2025