O delegado da Xunta e o alcalde de Pastoriza abordan actuacións para mellorar infraestruturas e servizos no concello

Villares destaca que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de aprobar dúas axudas que suman 95.300 euros para realizar melloras na rede de abastecemento municipal e para acondicionar os vestiarios do pavillón de Bretoña

Pastoriza (Lugo), 28 de xullo de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e o alcalde de Pastoriza, Darío Cabaneiro, abordaron hoxe diferentes actuacións para mellorar infraestruturas e servizos no municipio.

Villares afirmou que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes xa ten resoltas tres das principais liñas de axudas a concellos que convoca anualmente. A través delas colabora este ano co concello de Pastoriza na renovación da rede de abastecemento de auga no Abeal e O Couso e da rede municipal; así como no acondicionamento dos vestiarios do pavillón de Bretoña.

A primeira iniciativa recibe preto de 61.400 euros da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, e a segunda 33.900 euros da convocatoria para mellorar infraestruturas públicas.

Así mesmo, no tocante ás conexións viarias locais, Villares subliñou que este ano a Consellería do Medio Rural e o Concello asinaron tres convenios por un importe total que ronda os 145.100 euros para acondicionar camiños nas parroquias de Pastoriza, A Regueira, Lagoa, Vián, Úbeda e Pousada.

Igualmente salientou o fomento do emprego a nivel local, con accións como o obradoiro de emprego O Castro XI, que está en marcha nos municipios de Pastoriza, A Ribeira de Piquín, Riotorto, Castroverde e Pol.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración financia con case 455.000 euros este novo taller, que brinda a vinte persoas desempregadas unha oportunidade laboral no sector forestal.

Por último, Villares tamén fixo referencia á colaboración para o impulso turístico de Pastoriza. Salientou a creación da ruta de ruta de sendeirismo Mar Verde o ano pasado cunha achega de 29.500 euros da Axencia de Turismo de Galicia.

Ademais, ese mesmo organismo asinou neste exercicio un convenio co Concello para  apoiar con 17.000 euros a contratación de dúas persoas durante nove meses como persoal de apoio nos Centros de Interpretación de Bretoña e do Alto Miño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2026