A Xunta achega ao alumnado a oferta de FP a través de primeira Feira de Orientación Profesional de Verín

A directora xeral de FP e o delegado territorial da Xunta en Ourense inauguran esta nova xornada de orientación ao emprego organizada polos institutos Castro de Baronceli, Xesús Taboada Chivite e García Barbón

Verín (Ourense), 13 de febreiro de 2025

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, inauguraron hoxe a I Feira de Orientación Profesional de Verían, organizada polos institutos IES Castro de Baronceli, IES Xesús Taboada Chivite e IES García Barbón. Alí destacaron a importancia de ofrecer ao alumnado información de primeira man sobre a variedade de oferta de Formación Profesional de Galicia, axudándolles así a tomar decisións para o seu futuro. 

Os representantes do Goberno autonómico aproveitaron a ocasión para expor as liñas principais do novo Plan FPGal 360, no que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP inclúe 60 medidas para seguir reducindo o abandono escolar temperán, promover a igualdade de oportunidades e favorecer a empregabilidade.

Neste senso, incidiron en que un dos tres eixos do plan céntrase en fortalecer un sistema de orientación profesional e vocacional que permita aliñar as expectativas do estudantado coas necesidades do mercado laboral. “Nun momento clave para decidir o seu futuro, os alumnos teñen a oportunidade de coñecer de preto as distintas opcións e explorar itinerarios formativos como a Formación Profesional”, afirmou a directora xeral. 

Centros integrados de FP

A feira conta coa participación de alumnado e profesionais dos centros integrados de Formación Profesional de Ourense (CIFP Portovello, CIFP A Carballeira, CIFP A Farixa e CIFP Vilamarín), que presentan a súa oferta e as saídas académicas e profesionais das distintas especialidades que imparten. Ademais, os estudantes teñen a súa disposición OPI Orienta, unha nova ferramenta dixital de orientación profesional incluída no Plan FPGal 360 que, mediante intelixencia artificial, facilita o deseño de itinerarios formativos personalizados e o acceso á información sobre as diferentes saídas laborais. 

Ante esta primeira edición da feira, Eugenia Pérez agradeceu o labor dos centros implicados na súa organización, así como a participación do profesorado e alumnado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2025