A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, supervisou hoxe as obras
A Xunta colabora na construción do novo auditorio de Marín, cun investimento de preto de 2 M€
Allegue destacou a cooperación entre administracións para a posta en marcha do novo centro cultural, que “vai converterse nun referente para este concello e para a provincia”, tanto polo seu deseño de vangarda como polo salto que suporá para dinamizar a vida social e cultural do concello
O edificio contará cun amplo salón de actos con 550 prazas distribuídas en dous niveis e disporá dun sistema divisorio, que permitirá empregar o espazo segundo as necesidades
Este espazo terá capacidade para programar espectáculos en Marín que na actualidade non poden ser realidade por carecer dunhas instalacións axeitadas
Marín (Pontevedra), 13 de febreiro de 2025
A Xunta colabora na construción do novo auditorio de Marín, que encara a súa recta final, cun investimento de preto de 2 millóns de euros (1.960.472€). A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, as obras deste inmoble que, como subliñou, vai converterse “nun revulsivo” para o concello.
Allegue subliñou que este proxecto “vai converterse nun referente para este concello e para a provincia”, tanto polo seu deseño arquitectónico de vangarda como polo salto que suporá para dinamizar a vida social e cultural deste municipio.
Remarcou que esta actuación é unha mostra da “necesaria cooperación entre administracións”, fundamental para poder dotar aos concellos dos equipamentos que precisan para mellorar a calidade de vida da súa veciñanza. Ademais da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, tamén colabora co Concello nesta actuación a Axencia de Turismo de Galicia.
O novo edificio será unha infraestrutura clave para enriquecer a vida cultural, artística e social do municipio, proporcionando un espazo con capacidade para programar espectáculos que na actualidade non poden ser realidade por carecer dunhas instalacións axeitadas.
Así, o inmoble contará cun amplo salón de actos con 550 prazas distribuídas en dous niveis e disporá dun sistema divisorio, que permitirá empregar o espazo segundo as necesidades de cada evento.