A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou hoxe, en Madrid, na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente
A Xunta exixe ao Goberno central a rectificación do visor que considera o 100% do territorio galego como sensible á implantación de proxectos eólicos
Ángeles Vázquez explica que de aplicar en Galicia a zonificación orientativa ambiental para o desenvolvemento de proxectos eólicos, practicamente non se podería instalar ningún parque eólico na Comunidade
Fai fincapé en que o TSXG está a facer unha mala interpretación desa ferramenta e utilízaa como argumento para suspender a autorización ambiental de 77 proxectos
Solicita que a zonificación do Ministerio aplique os criterios establecidos pola Xunta, que indican que no 78% do territorio xa non se poden instalar parques eólicos.
A conselleira tamén reclama a retirada o lobo da Listaxe de especies silvestres de réxime de protección especial porque esa inclusión respondeu a criterios culturais e razóns ideolóxicas, pero non a aspectos obxectivos
Subliña que o numero de exemplares falecidos por ataques desta especie ao ano se incrementou nun milleiro ao pasar dos arredor de 2.200 animais mortos en 2020 a máis de 3.200 en 2024
Madrid, 13 de febreiro de 2025
A Xunta exixiu hoxe ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a rectificación do visor que considera o 100% do territorio galego como sensible á implantación de proxectos eólicos.
Durante a súa intervención na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou que de aplicar en Galicia a zonificación orientativa ambiental para o desenvolvemento de proxectos eólicos deseñada polo Goberno central, practicamente non se podería instalar ningún parque eólico na Comunidade.
Ademais, logo de incidir en que a función desa zonificación é meramente orientativa, a conselleira fixo fincapé en que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) está a facer unha mala interpretación e utilízaa como argumento para suspender a autorización ambiental outorgada pola Administración autonómica. De feito, 77 dos 92 proxectos afectados na actualidade por recursos xudiciais foron suspendidos en base a esa zonificación.
Cómpre lembrar que a zonificación é unha ferramenta informativa que describe a hipotética presencia de hábitats en determinadas áreas que abarcan toda Galicia, pero que non ten carácter vinculante porque na tramitación da correspondente declaración de impacto ambiental xa se descarta a súa presencia.
Por iso, a conselleira defendeu a rectificación deste visor porque, ademais de non cumprir a función para a que se deseñou, está a dificultar que a Comunidade avance cara á descarbonización e á neutralidade climática. Nesa liña, solicitou que a zonificación do Ministerio aplique os criterios establecidos pola Xunta, que indican que no 78% do territorio xa non se poden instalar parques eólicos.
Retirada do lobo do LESRPE
Por outra banda, durante a súa intervención, Ángeles Vázquez tamén reclamou ao Ministerio que retire xa o lobo da Listaxe de especies silvestres de réxime de protección especial (LESRPE) para garantir o equilibrio entre esta especie e o sector gandeiro.
Nesa liña, logo de lamentar que a ministra rexeitase ter unha reunión sobre esta cuestión, a conselleira incidiu en que inclusión do lobo no Lesrpe respondeu a criterios culturais e razóns ideolóxicas, pero non a aspectos obxectivos.
De feito, os datos avalan a solicitude de Galicia de rebaixar o nivel de protección desta especie. Así, desde a inclusión do lobo no Lesrpe, en setembro de 2021, en Galicia os avisos por ataques incrementáronse nun 72% e o número de reses afectadas sufriu un aumento dun 57%. Máis polo miúdo a conselleira explicou que o numero de exemplares falecidos por ataques desta especie ao ano se incrementou nun milleiro ao pasar dos arredor de 2.200 animais mortos en 2020 a máis de 3.200 en 2024. “Isto supón que cada día o lobo mate nove animais”, subliñou.
A maiores, os datos do censo elaborado pola Xunta estiman que a poboación desta especie se mantén estable na Comunidade con arredor de 93 mandas, polo que o Goberno galego considera que o estado do lobo non é desfavorable. Ademais, o Comité Permanente do Convenio de Berna do Consello de Europa coincide coa postura de Galicia xa que aprobou a proposta para cambiar o status internacional do lobo de estritamente protexido a protexido.