A Xunta optimiza os servizos de autobús de Vedra con Teo e Santiago con cambios nos horarios e paradas baixo demanda a partir do luns
Modifícanse os horarios de nove servizos e establécense paradas baixo demanda en seis liñas en acordo co Concello vedrés, que informará do servizo de reserva previa entre a veciñanza
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2025
A Xunta modifica desde o luns, día 17, os horarios de nove servizos de autobús entre Vedra, Teo e Santiago de Compostela e establece paradas baixo demanda en seis liñas. Os cambios aprobados buscan optimizar os horarios dispoñibles para os usuarios e a eficiencia da prestación dos servizos de transporte público que conectan Vedra con Teo e Santiago de Compostela.
O establecemento de paradas baixo demanda en liñas e horarios que rexistran unha ocupación moi reducida acordouse co concello de Vedra. Así, para favorecer o coñecemento do servizo baixo demanda, que require dunha reserva previa dos usuarios que desexen acceder ao autobús nas paradas baixo demanda, o Concello colaborará na divulgación do funcionamento entre a súa veciñanza.
Na liña Santiago E.I.-Trobe 2, o servizo das 15,05 horas de luns a venres laborables atrásase ás 15,25 horas, de xeito que poidan enlazar os usuarios dos servizos lanzadeiras que chegan á estación intermodal de Santiago.
Na liña Santiago E.I.-Cruce de Sarandón modifícanse os horarios de tres servizos de ida, que sairán da estación de luns a venres laborables ás 09,30, 11,45 e 15,25 horas, e un de volta, que saíra da parada Cruce de Sarandón ás 13,20 horas.
Na liña Santiago E.I.-Laraño-Cruce Sarandón establécese como baixo demanda as paradas Verxeles, en Teo, e a parada San Pedro de Sarandón de Abaixo, en Vedra, no servizo que sae da parada Cruce Sarandón cara a Santiago os sábados ás 18,00 horas. En canto a cambios de horarios, o servizo con saída de Santiago de Compostela ás 14,30 horas de luns a venres laborables atrásase ás 15,08 horas.
Na liña Santiago E.I.-S. Mamede 1 (Ribadulla), o servizo con saída de Vedra ás 07,20 horas de luns a venres laborables adiántase ás 07,15 horas. A parada Ponte Sarandón establécese como baixo demanda no servizo de ida das 19,15 horas de luns a venres laborables e todos os servizos das fins de semana e festivos.
Na liña Santiago E.I. - Cacheiras (Gadis) - Cruce de Sarandón establécense baixo demanda catro paradas (Trobe-Boxeiros, San Pedro de Sarandón de Abaixo, San Pedro de Sarandón de Arriba, S. Miguel de Sarandón-Cimadevila, S. Miguel de Sarandón 2) nos servizos de ida das 12,10 e 18,50 horas e de volta das 13,25 e 19,45 horas de luns a venres laborables, así como no servizo de ida das 10,00 horas dos sábados.
Na liña circular Santiago E.I.-Penelas-Cibrán 1-S. X. de Sales-Santiago E.I., o servizo das 14,25 horas atrásase ás 15,15 horas e establécese como baixo demanda a parada Raxó en todas as expedicións excepto a das 08,15 horas de luns a venres laborables.
Na liña Santiago E.I.-Merín, o servizo cara a Santiago das 13,45 horas adiántase ás 13,00 horas e establécense baixo demanda todas as paradas excepto Nande 4-Panadería e Cornado, que se manteñen como fixas.
A liña circular Cruce de Sarandón-Pontevea-Cruce de Sarandón, que conecta Vedra con Teo, pasa a ser completamente baixo demanda, polo que se deberá realizar unha reserva previa para viaxar independentemente da parada na que desexen acceder os usuarios.
A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.