A Xunta renova o seu compromiso como patrocinador principal do Mundial de Motocross que se celebrará en Lugo
O acordo anunciouse hoxe nunha xuntanza na Delegación Territorial con representantes das entidades organizadoras, Motopark e Last Lap
Lugo, 19 de febreiro de 2025
A Xunta de Galicia renova o seu compromiso como patrocinador principal da proba do Campionato Mundial de Motocross que se vai celebrar en Lugo, segundo anunciou hoxe o delegado territorial, Javier Arias, tras unha xuntanza na Delegación con representantes da organización.
Na reunión participaron Miguel Ángel Vázquez e Martín Pérez, presidente e secretario respectivamente da entidade deportiva MotoPark, que promove a cita lucense; tamén Diego Muñoz en representación de Last Lap, a axencia de eventos encargada do premio de España de MXGP, e a vicepresidenta do Parlamento galego, Elena Candia.
Arias sinalou que a cidade repite como sede do mundial “grazas ao nivel que demostramos o pasado ano na nosa estrea, froito dun traballo ben feito capitaneado por Motopark co respaldo da Xunta de Galicia”. Neste sentido, manifestou que “na presente edición afianzamos a nosa implicación como socios principais na organización dun evento que sitúa a Lugo na primeira liña deste deporte”.
O espectáculo do motocross recalará os días 10 e 11 de maio no circuíto Jorge Prado coa disputa dos mundiais absolutos de MXGP, MX2 e WMX así como unha proba do campionato europeo de 250 c.c. As entradas xa están á venda nas distintas modalidades, xeral, tribuna e VIP.
Concorrerán algúns dos mellores pilotos do mundo, como o galego Rubén Fernández na MXGP -principal categoría masculina- e a catalá Daniela Guillén, vixente subcampioa do mundial WMX -categoría feminina-. O actual campión do mundo de MXGP é precisamente o piloto lucense Jorge Prado, que esta tempada compite na Supercross de Estados Unidos.
O evento xerou o pasado ano un retorno económico directo na hostalería e servizos locais que se cuantificou en máis de 4 millóns de euros, grazas á presenza na cidade de máis dun cento de pilotos cos seus respectivos equipos e de milleiros de afeccionados.
Ademais, impulsa a proxección internacional de Lugo e Galicia tanto no ámbito turístico como no deportivo, “apuntalando a nosa posición como referentes nos deportes de motor”, afirmou o delegado. Neste sentido, lembrou que España acolle dúas citas do mundial, en Madrid e Lugo, dentro dun calendario que contempla unha vintena de probas en 18 países, “situando a nosa provincia entre os mellores escenarios do motocross mundial”.