A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou nun encontro co comisario de Mobilidade Sustentable e Turismo da Comisión Europea, Apostolos Tzitzikostas
Lorenzana pide en Bruxelas cambios na normativa para blindar o sector da automoción ampliando as axudas a toda a cadea de valor
Recalca a necesidade de que, desde as institucións europeas, se actúe de forma urxente para apuntalar a competitividade desta industria no escenario global e, máis, ante as incertezas que está xerando a política arancelaria anunciada polos EE.UU.
Cree indispensable actuar sobre catro ámbitos: o normativo, o das axudas públicas, os fondos comunitarios e a desburocratización
Demanda máis flexibilidade nas normativas, a revisión de sancións, fondos específicos e unha maior simplificación nas convocatorias de axudas
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou esta semana en Bruxelas nun encontro co comisario de Mobilidade Sustentable e Turismo da Comisión Europea, Apostolos Tzitzikostas, onde solicitou o apoio do Executivo comunitario para defender os intereses do sector da automoción nun momento “crucial”, dixo.
Lorenzana, que interveu onda representantes doutras vinte rexións europeas, recalcou a necesidade de que, desde as institucións comunitarias, se adopten de forma urxente unha serie de medidas para apuntalar a competitividade desta industria no escenario global e, máis, ante as incertezas que está xerando a política arancelaria anunciada polos EE.UU.
Ao respecto, pediu unha acción conxunta e coordinada de todas as administracións para salvagardar a viabilidade do sector en Europa e blindar as súas capacidades fronte ao exixente reto da electrificación. Considerou, polo tanto, indispensable actuar sobre catro ámbitos: o normativo, o das axudas públicas, os fondos comunitarios e a desburocratización.
Prazos máis amplos
Así, demandou que se flexibilicen os regulamentos de emisións e se dean prazos máis amplos, así como que se revisen as sancións impostas ás empresas; todo, para facilitarlles o proceso de adaptación á nova mobilidade.
En materia de apoios, cualificou como “urxente” cambiar a normativa comunitaria que limita as axudas ás grandes empresas para abrilas a toda a cadea de valor. E reclamou fondos comunitarios directos para as comunidades autónomas que sexan específicos e suficientes para apoiar a transición tecnolóxica e enerxética do sector garantindo que poida competir en condicións de igualdade.
Finalmente, Lorenzana puxo Galicia de exemplo á hora de demandar máis desburocratización e simplificar ao máximo a xestión das convocatorias ou a tramitación ambiental dos proxectos porque, subliñou, “a Administración non ten que estorbar, ten que axudar ao desenvolvemento industrial”.
Compromiso da Xunta
A conselleira lembrou que estas medidas xa foron expostas na III Conferencia Anual da Alianza de Rexións Europeas con Industria de Automoción (ARA), celebrada en Monza, polo que urxiu a que se teñan en conta no seo da Comisión Europea porque o contexto actual, remarcou, así o require.
Segundo dixo, o compromiso da Xunta co sector é total; de feito, Galicia foi a primeira comunidade autónoma en activar unha liña de axudas específica para toda a cadea de valor que ascende a 230 M€ de aquí ao 2027, lembrou. A vontade do Goberno galego, engadiu, é seguir mantendo esta liña de traballo conxunta para abordar o escenario que está por vir.