A Xunta premia o talento mozo na nova edición do ´First Lego League Galicia´

Ferrol, 22 de febreiro de 2025

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe na cerimonia de entrega de medallas e premios do torneo First Lego League Galicia, un certame organizado pola Universidade da Coruña que conta coa colaboración da Administración autonómica, que concede un Premio Xunta de Galicia ao Proxecto de Innovación. Durante a xornada de hoxe tamén participou a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, quen se achegou a coñecer os distintos proxectos participantes.

A competición reuniu a máis de 350 mozas e mozos de toda Galicia en torno á ciencia e a tecnoloxía. Nesta edición que leva por título SUBMERGED Season, os 53 equipos participantes mostraron os seus proxectos tratando de responder á pregunta de como utilizar a tecnoloxía para explorar as capas do océano e levar as súas aprendizaxes e ideas á superficie mentres “navegan” cara o futuro. No apoio ao talento mozo, a Xunta lanzará este ano a Estratexia Mocidade Activa, na que soamente por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, achegase un orzamento de 20 M€.

Data de actualización: 22/02/2025