A delegada da Xunta visitou hoxe en Laracha o último PIE desenvolvido por este Concello
Belén do Campo visita o PIE da Laracha no que a Xunta está a investir 220.000€ para facilitar o acceso ao mercado laboral a 100 persoas desempregadas
A delegada da Xunta sinalou que o Goberno galego apoia, na convocatoria 2025-2026, na provincia da Coruña a 10 concellos cun importe de máis de 2,1 millón de euros
Belén do Campo destacou que no último lustro os PIE en Galicia permitiron a incorporación ao mercado laboral de máis de 8.000 persoas desempregadas e con eles téñense desenvolvido 44.300 sesións individuais cos participantes
A Laracha (A Coruña), 27 de febreiro de 2026
A delegada da Xunta da Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde da Laracha, José Manuel Varela, visitou o Programa Integrado de Emprego (PIE) desenvolvido por este Concello. Alí puxo de relevo o papel clave destas ferramentas, que a Xunta impulsa en colaboración cos concellos e entidades sen ánimo de lucro, na integración sociolaboral dos colectivos con máis dificultades de acceso ao mercado de traballo.
En relación co PIE de Laracha, que contou cunh achega da Xunta de 220.000 euros, participan un cento de persoas que teñen que ser desempregadas, entre as que: 2 son persoas con discapacidade, 20 menores de 30 anos, 20 maiores de 52, 27 perceptoras de prestacións, subsidios ou Renta Activa de Inserción (RAI), 11 mulleres, 10 persoas sen emprego de longa duración e 10 persoas non incluídas nos grupos anteriores. Belén do Campo resaltou que durante este ano están optando a itinerarios personalizados de inserción laboral que combinan accións de orientación, formación, acompañamento e intermediación.
A nivel formativo, neste curso en concreto completouse con éxito a acción relacionada con o comedor escolar dende unha perspectiva socioeducativa. Nesta semana deron comezo as formacións de xestión loxística e actuacións en primeiros auxilios. Nos vindeiros meses está prevista a realización das seguintes accións formativas: operacións de caixa e reposición, a mediados de marzo; recepción e atención ao cliente, no mes de abril; introdución á intelixencia artificial, condución de carretillas elevadoras, seguridade e hixiene na industria alimentaria, e administración e aplicacións informáticas de xestión.
Este programa formativo continúa reforzando a cualificación profesional das persoas participantes, adaptándose ás necesidades actuais do mercado laboral e favorecendo novas oportunidades de inserción e mellora profesional.
Os programas integrados de emprego contemplan actividades de orientación e asesoramento personalizado, formación, técnicas de motivación, desenvolvemento de habilidades sociolaborais ou obradoiros para preparación de entrevistas. Tamén se fomenta o contacto co tecido empresarial, a prospección de oportunidades e a posibilidade de prácticas profesionais non laborais. Cada proxecto conta cun equipo técnico especializado, cuxos custos salariais e de Seguridade Social serán subvencionados. Así mesmo, cubrénse os gastos derivados de desprazamentos, materiais, subcontratación de formación, así como bolsas de asistencia de 10 euros por día para cada participante e a amortización de equipamento formativo, todo conforme aos límites establecidos na convocatoria.
Nesta liña, sinalou que no caso concreto dos Concellos na convocatoria 2025-2026 foron concedidos en Galicia PIE a 19 entidades locais cun orzamento de 4 millóns de euros e concretamente na provincia da Coruña recibiron estas achegas 10 concellos por un importe de máis de 2,1 millón de euros.
En Galicia tamén recibiron estas achegas 30 entidades sen ánimo de lucro con case 6,3 millóns de euros e na provincia da Coruña foron beneficiarias 15 entidades por un importe de máis de 3,3 millóns de euros.
Ademais, lembrou que como novidade nesta última convocatoria, destináronse 2 M€ a plans específicos para persoas maiores de 52 anos, que se sumaron á reserva doutros 2 M€ orientada ás mulleres, que nos últimos anos representaron arredor do 60 % das persoas participantes.
Resultados dos PIE e consolidación do apoio da Xunta
Ademais, Belén do Campo salientou en cifras a importancia dos PIE destacando que nos últimos cinco anos permitiron a incorporación ao mercado laboral de máis de 8.000 persoas desempregadas cunha taxa media de inserción do superior ao 47%. Neste tempo, engadiu, téñense levado a cabo máis de 44.300 sesións individuais, nas que os participantes reciben asesoramento e acompañamento personalizado para favorecer a súa inserción laboral. Ademais, impartíronse máis de 56.000 horas de formación en especialidades recoñecidas polo Servizo Público de Emprego Estatal —co foco nas necesidades das empresas do territorio—, incluíndo técnicas de motivación, competencias sociolaborais e preparación de entrevistas.
Neste sentido, Belén do Campo sinalou que a Xunta continuará afianzando o seu apoio aos PIE cun investimento de máis de 10 M€ neste ano 2026 co fin de optimizalos e aumentar as oportunidades de emprego. Trátase dun investimento que se sumará aos preto de 129 M€ que desde 2019 leva dedicados a Xunta a este instrumento, incluíndo neste balance a convocatoria 2025-2026.