O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración comprobou en Arbo os traballos que se están a realizar ao abeiro da orde autonómica ‘Rural Activo’

A Xunta destina 3,3 M€ á contratación de preto de 200 persoas desempregadas en Pontevedra para reforzar a xestión forestal en colaboración cos concellos

José González salientou que o municipio recibiu un apoio do Goberno galego de arredor de 50.800 euros para contratar tres persoas que realizan actuacións de planificación preventiva, silvicultura e valorización forestal

A convocatoria de 2026, dotada con 20 M€, permitirá a contratación de máis de 1.100 persoas desempregadas en preto de 290 entidades locais de toda Galicia

Destacou que esta iniciativa permite combinar a mellora da empregabilidade das persoas sen traballo co reforzo da prevención dos incendios forestais, ofrecendo experiencia laboral vinculada ás necesidades reais do territorio

Arbo (Pontevedra), 10 de agosto de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, visitou hoxe o concello de Arbo para coñecer o traballo que están a desenvolver as tres persoas contratadas ao abeiro do programa Galicia Suma Talento: Rural Activo, que contou neste municipio cun apoio da Xunta de arredor de 50.800 euros.

Durante a visita, o conselleiro destacou que esta iniciativa permite combinar a mellora da empregabilidade das persoas desempregadas co reforzo da prevención dos incendios forestais, ofrecendo experiencia laboral vinculada ás necesidades reais do territorio. No caso de Arbo, as persoas contratadas realizan actuacións de planificación preventiva, valorización forestal e silvicultura, contribuíndo á redución do risco de lumes e á conservación do medio natural.

José González lembrou que a convocatoria de 2026 de Galicia Suma Talento: Rural Activo, dotada con 20 M€, representa o maior investimento realizado ata o momento neste programa. Grazas a ela, a Xunta apoia este ano preto de 290 entidades locais para a contratación de máis de 1.100 persoas desempregadas durante nove meses a xornada completa. Na provincia de Pontevedra, o investimento ascende a 3,3 M€, permitindo apoiar 51 concellos, entre eles Arbo, e a contratación de preto de 200 persoas.

O titular de Emprego incidiu tamén nas melloras introducidas nesta edición para reforzar a eficacia das actuacións preventivas. Entre elas figura a creación da persoa coordinadora municipal de prevención de incendios nos concellos adheridos ao convenio entre a Xunta e Seaga, coa finalidade de mellorar a organización dos equipos e a planificación dos traballos. Ademais, garantiuse por primeira vez aos municipios afectados por grandes incendios forestais e aos adheridos a este convenio o mesmo número de contratacións que na convocatoria anterior, ao tempo que se reforzaron os apoios para os concellos con maior superficie de redes secundarias de franxas de xestión de biomasa.

O programa complétase cunha formación específica para o persoal coordinador en materias relacionadas coa prevención de incendios, o manexo de maquinaria e ferramentas forestais e a seguridade no desenvolvemento das súas funcións.

González subliñou que Galicia Suma Talento: Rural Activo exemplifica a aposta da Xunta por impulsar políticas activas de emprego que, ao mesmo tempo, contribúan á protección do medio rural e á prevención dos incendios forestais. Nesta liña, lembrou que o programa acumula un investimento de 57,8 M€ nos últimos sete anos, período no que permitiu formalizar máis de 5.000 contratacións en toda Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/08/2026