A Xunta destaca o valor transformador do Premio Aresa a prol dun rural rendible, sostible e atractivo

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou no acto de entrega deste galardón, que na súa 25ª edición correspondeu a Traloagro, unha empresa da que salientou o seu compromiso coa innovación e a sustentabilidade

Felicitou tamén ao resto de candidatos e louvou o papel de Álvaro Rodríguez Eiras, fundador da empresa que dá nome aos premios e creador destes recoñecementos, que faleceu o pasado mes de xaneiro

Lugo, 21 de febreiro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo hoxe en valor o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural como unha iniciativa que contribúe a transformar o rural e que serve de acicate para facelo rendible, sustentable e atractivo. Este propósito, engadiu, é un dos cometidos polo que se traballa desde o seu departamento con medidas que se apoian na formación, na estabilización de poboación e na innovación.

Gómez fixo estas valoracións na súa intervención durante o acto de entrega do galardón, que este ano recaeu en Traloagro, unha empresa que -salientou- “cumpre ao 100% cos criterios de innovación e sustentabilidade na produción de forraxes e carne de bovino e aviar en ecolóxico”. A conselleira estivo acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, nun acto presidido polo reitor da USC, Antonio López, e que tivo lugar no auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus Terra de Lugo.

Sobre os devanditos eixos de traballo da Consellería, a titular do departamento destacou a formación que se imparte nos Centros de Formación e Experimentación Agraria e sinalou que a estabilización se garante con medidas como as achegas á incorporación e a mozos e novos agricultores e gandeiros, lembrando que precisamente hoxe a Xunta comezou a pagar máis de 10 millóns de euros por este concepto.

Innovación no agro

En canto á innovación, sinalou que se fomenta directamente con iniciativas propias ou apoiando calquera proposta que incentive o I+D+i nos ámbitos agrícola e gandeiro con proxectos que sexan sustentables e respectuosos co medio ambiente, un contexto no que situou a actividade de Traloagro.

En relación co premio Aresa, a conselleira felicitou tamén ao resto de candidatos desta edición e puxo de relevo os seus 25 anos de traxectoria. Louvou, así mesmo, o papel de Álvaro Rodríguez Eiras, fundador da empresa que dá nome aos galardóns e creador destes recoñecementos, que faleceu o pasado mes de xaneiro. Neste sentido, Gómez valorou que “o seu legado e o seu espírito permanecerán para sempre”.   

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/02/2025