A Xunta comeza en Ourense as reunións informativas sobre o proxecto de economía circular cara unha gandaría sostible

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e o secretario xeral da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia iniciaron hoxe en Ourense as súas reunións previas á declaración de zonas vulnerables a nitratos

Manteñen contactos con alcaldes, asociacións profesionais, cooperativas, distribución e industria para explicar que esta identificación de áreas de concentración de nitratos nas augas corresponde á Xunta de acordo coa normativa europea e nacional 

Trátase de avanzar no proxecto de economía circular impulsado polo Goberno galego, en colaboración co sector agroalimentario, e destinado a xestionar o excedente das dexeccións gandeiras que non se utiliza como fertilizante nos solos

Está previsto crear unha certificación de gandaría galega sustentable para valorizar as producións do agro, tal e como está contemplado na Lei da calidade alimentaria de Galicia

Ourense, 24 de febreiro de 2025

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, o secretario xeral da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, Juan Carlos Reboredo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, mantiveron hoxe unha reunión con alcaldes da comarca da Limia sobre o proxecto de economía circular cara unha gandaría sostible. No encontro, que tivo lugar na Delegación territorial, participaron por parte municipal os rexedores de Xinzo de Limia, Vilar de Santos, Trasmiras, Sandiás, Sarreaus, Xunqueira de Ambía, Os Blancos, Rairiz de Veiga e Porqueira.

Esta xuntanza, que tivo lugar na Delegación territorial da Xunta en Ourense, é a primeira da rolda de contactos programados polo Goberno galego con alcaldes e outros representantes municipais, asociacións profesionais agrarias, cooperativas, entidades sectoriais, distribución e industrias agroalimentarias, previa á declaración de zonas vulnerables a nitratos por parte da Consellería do Medio Rural.

Nestas reunións vaise abordar a concentración de nitratos nas augas, nos parámetros que establecen a normativa europea e nacional. En concreto, o Real Decreto 47/2022, de 18 de enero, sobre protección das augas contra a contaminación difusa producida polos nitratos procedentes de fontes agrarias e que marca unha serie de compromisos para mellorar a situación ecolóxica dos acuíferos. Así mesmo, avánzase no proxecto de economía circular impulsado polo Goberno galego, en colaboración co sector agroalimentario, e destinado a xestionar o excedente das dexeccións gandeiras que non se utiliza como fertilizante nos solos.

A finalidade destes encontros de traballo, que se manterán ata mediados de marzo, é propiciar a cooperación público-privada para aproveitar a oportunidade de mudar o actual modelo de produción gandeira cara un máis ecolóxico e viable social, económica e ambientalmente.

Plan de acción da Xunta

O plan de acción deseñado pola Xunta céntrase en implantar unha estratexia de economía circular baseada na sostibilidade e a innovación. Pivotará sobre dous eixos fundamentais; por un lado, a transformación dos residuos en recursos sustentables e de valor, coa proposta de creación de plantas de tratamento das dexeccións gandeiras. Por outra banda, creando unha certificación de gandaría galega sostible, un selo que distinguirá as explotacións que adopten prácticas máis sustentables de cara o futuro na xestión de residuos, tal e como está contemplado na Lei da calidade alimentaria de Galicia.

A finalidade última de todas estas iniciativas non é outra que valorizar as producións agroalimentarias galegas, mellorando a súa comercialización mediante o engadido de valor ao produto; facilitando o acceso a financiamento, con mellores condicións de crédito, baixo criterios de sustentabilidade; e fortalecendo a imaxe do sector e da súa práctica.

Os obxectivos de futuro pasan pola implementación de prácticas máis responsables, a protección do ambiente e a xestión eficiente dos residuos, co fin de consolidar a  Galicia como referente e sen perda da competitividade. Trátase de mellorar a calidade das augas e dos solos da comunidade autónoma; reducir a pegada de carbono, co uso de enerxías renovables; garantir a sustentabilidade dos ecosistemas agrarios; demostrar que é un modelo compatible coa rendibilidade e fortalecer e engadir valor aos produtos locais do sector primario.

Por medio desta iniciativa tamén se procura cumprir coas normativas e estándares europeos, converter Galicia nun exemplo de economía circular e apostar por un sector agrogandeiro moderno, á vangarda da sustentabilidade, da innovación e das tecnoloxías limpas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2025