Belén do Campo destaca a importancia das mesas locais de comercio para dar resposta aos retos e necesidades do sector comercial
A delegada participou na Mesa Local de Comercio de Betanzos que contou coa participación de diferentes representantes municipais e de comerciantes da localidade
A representante do Goberno autonómico informou das principais liñas de axudas da Xunta dirixidas a apoiar ao sector comercial
Betanzos (A Coruña), 25 de febreiro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou na Mesa de Comercio Local de Betanzos, poñendo de relevo que este tipo de encontros se impulsarán no marco do futuro Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, que se presentará no primeiro trimestre deste ano. Así, a representante autonómica considerou vital que se celebren este tipo de citas nas principais vilas e cidades galegas, co gallo de dar resposta aos retos e necesidades do sector comercial polo miúdo. O encontro contou coa participación de diferentes representantes municipais e de comerciantes da localidade.
Nese senso, a delegada animou aos concellos a ir da man do tecido comercial das súas respectivas contornas para reunir de forma periódica aos principais axentes involucrados neste eido económico fundamental para a xeración de riqueza e emprego en Galicia. Estas reunións deben servir, engadiu, “para o debate e a reflexión co obxecto de tomar as mellores decisións de cara a dinamizar o comercio local”.
Pola súa banda, as representantes da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos Centro Comercial Aberto (ACEBE CCA) presentaron a súa proposta de dinamización comercial para o ano 2025 e a súa iniciativa de organización da Feira de Oportunidades.
Axudas para comerciantes
Durante o encontro Belén do Campo informou que, mañá mércores, 26 de febreiro, e ata o 26 de marzo, está previsto que se abra o prazo das solicitudes da orde para impulsar a dixitalización, a innovación e a sustentabilidade do comercio retallista e dos obradoiros artesanais galegos, unha orde que conta con 3,9 millóns de euros.
A delegada da Xunta explicou que a principal novidade a convocatoria, unifica, por primeira vez, estas tres liñas de apoios avanzado na simplificación administrativa e na procura da axilización das tramitacións co gallo de favorecer actuacións que contribúan á implantación dun modelo de comercio innovador e sustentable nas cidades e vilas galegas. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 26 de marzo en concurrencia no competitiva.
A representante do Goberno autonómico explicou que outro dos cambios significativos para os posibles beneficiarios é o incremento da intensidade das axudas ata o 80%, o ano pasado as axudas cubrían entre un 60 e un 75% da subvención.
Centros comerciais abertos
No encontro Belén do Campo tamén lembrou que ata o 19 de marzo está aberta a convocatoria de axudas, dotadas dun importe de 2,5 millóns de euros, para impulsar as actividades dos centros comerciais abertos de Galicia, reforzando a súa excelencia e a súa capacidade de dinamización das contornas nas que se integran. A representante do Goberno autonómico explicou que a Xunta lanza esta convocatoria de achegas incrementando o seu orzamento global e incorporando novidades para potenciar ao máximo estas figuras clave dentro do seu compromiso coa revitalización do comercio local como elemento esencial para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas.
Así, a nova orde aposta polo réxime de concorrencia competitiva buscando primar a calidade e a excelencia das propostas de dinamización. Neste senso, a representante do Goberno autómico animou aos representantes da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos Centro Comercial Aberto (ACEBE CCA) a solicitar estes apoios.