Diego Calvo destaca o incremento no apoio da Xunta aos concellos coa cifra récord de 641 M€ este ano

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes defendeu no Parlamento as medidas adoptadas polo Goberno galego para abordar o reto demográfico e a mellora no financiamento dos municipios afectados polo despoboamento

Incidiu na demanda da Xunta ao Goberno central para establecer un novo modelo financiamento local axeitado ás peculiaridades xeográficas e demográficas de Galicia

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe no Parlamento o incremento no apoio da Xunta aos concellos coa cifra récord de 641 millóns de euros neste exercicio. Nunha resposta na que abordou o reto demográfico e a mellora no financiamento dos municipios afectados, o conselleiro incidiu tamén na demanda do Goberno galego dun novo modelo de financiamento local, axeitado ás peculiaridades de Galicia e no que se teñan en conta aspectos como o envellecemento da poboación ou a dispersión xeográfica.

Diego Calvo defendeu o esforzo autonómico no apoio ás administracións locais, con medidas como o Fondo de Cooperación Local (FCL), que medrou un 40% desde 2008 ata chegar a 168 millóns de euros este ano, ou o impulso a liñas de axudas específicas para os concellos de menor poboación. Así, sinalou que neste exercicio se incorporou ao fondo base do FCL unha partida por importe de 5,4 millóns de euros restrinxida ás localidades de menos de 15.000 habitantes, “un rango de habitantes no que se atopan o 90% dos concellos galegos”, engadiu.

Segundo o conselleiro, “nunca se dedicaron tantos fondos públicos aos concellos na historia dos orzamentos autonómicos”. Nesta liña, referiuse tamén ás axudas para o mantemento de servizos que son de competencia municipal, como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un dos recursos máis demandados na atención á dependencia, ou a atención ás emerxencias, con financiamento para o seu funcionamento e dotación de material, entre outros.

No que respecta ao reto demográfico, Diego Calvo lembrou que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en aprobar unha normativa destas características, coa Lei de impulso demográfico. O obxectivo é “blindar medidas precisamente en materia de demografía e apoiar as persoas que decidan vivir e traballar no medio rural”. Así, apuntou iniciativas como impostos cero no rural, xantar na casa, a estratexia retorna, as casas niño e as casas do maior, entre outras. Estas medidas contribuíron “a frear a perda de poboación que auguraban as previsións” cun incremento de case 120.000 persoas nos últimos anos, afirmou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2025