A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asistiron á cerimonia de botadura do buque Don Juan Álvarez
A Xunta destaca que Galicia é unha potencia marítima grazas á estreita relación entre o sector naval, a pesca e a industria transformadora
María Jesús Lorenzana sinala que a construción dun novo buque “significa máis industria, máis emprego e máis innovación, tres piares fundamentais da economía galega”
Pola súa banda, Alfonso Villares, destaca que Wofco é un exemplo da transformación que está a experimentar a actividade marítimo-pesqueira; a máis importante de España e un referente internacional indiscutible
Moaña (Pontevedra), 28 de febreiro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asistiron hoxe á botadura do buque Don Juan Álvarez, onde destacaron que Galicia é unha potencia marítima grazas á estreita relación que existe entre o sector naval, a pesca e a industria transformadora.
Neste sentido, Lorenzana explicou que “a construción dun novo buque significa máis industria, máis emprego e máis innovación, tres piares fundamentais da nosa economía”, dixo. Ademais, tal le como explicou, esta botadura “é un claro exemplo de como o sector naval e o sector pesqueiro avanzan da man e están xerando riqueza e emprego en Galicia”.
Durante a súa intervención, sinalou que Wofco é un exemplo de crecemento e de bo facer na Comunidade que soubo consolidarse como unha das grandes referencias do sector pola súa aposta pola innovación, pola internacionalización, e por un crecemento estable e sostido no tempo. “Este acto de botadura simboliza o crecemento desta compañía e o dinamismo deste sector en Galicia”, subliñou.
A titular de Economía e Industria apuntou tamén que a Comunidade galega “foi sempre unha terra con vocación internacional” e que Wofco representa ese espírito de expansión. “Creo que este buque operará nos caladoiros arxentinos e farao co selo de calidade de Galicia, co respaldo dun sector pesqueiro que é referencia mundial, e cunha empresa que está a demostrar que o talento e o esforzo galegos poden competir en calquera mercado do mundo”, destacou.
Pola súa banda, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, subliñou que Wofco é un referente de como afondar na busca de valor engadido á cadea mar-industria, situándose como un verdadeiro caso de éxito na pesca galega e un elemento diferenciador dentro do sector primario en xeral. Neste senso, sinalou que é un exemplo da transformación que está a experimentar a actividade marítimo-pesqueira, a máis importante de España e un referente internacional indiscutible.
Villares gabou a xestión levada a cabo pola entidade nos últimos meses, xa que, coa adquisición de Fandicosta, asumiu un frigorífico de primeira orde en Domaio, capaz de almacenar 50.000 toneladas de peixe. Esta operación supuxo un paso de xigante no marco dunha estrutura empresarial que ten presenza en 48 países e procesa máis de 83.000 toneladas anuais. Por elo, o responsable autonómico puxo en valor o seu modelo de negocio que ofrece aos consumidores, dixo, un novo estándar de calidade nos excelentes produtos pesqueiros que dá o norte atlántico. En 2024 facturou preto de 500 millóns de euros, situándose entres as tres primeiras pesqueiras de España,
O titular da Consellería de Mar felicitou á compañía viguesa, apuntando que este é o camiño para conseguir unha industria pesqueira competitiva en termos económicos e de emprego, pero tamén dende a diversificación dunha actividade que garanta a soberanía alimentaria e o máis absoluto respecto ao ecosistema mariño. O conselleiro adiantou que o Goberno galego seguirá apostando por este tipo de iniciativas e por proxectos que aposten por un sector que achega preto do 5% ao PIB galego.