A Xunta participa no Entroido escolar de Xinzo de Limia e visita os institutos do concello
Os conselleiros de Educación e Cultura asisten ao Gran Desfile Infantil do Entroido, que conta coa participación de alumnos de centros de toda a comarca
Previamente, Román Rodríguez visita os IES Lagoa de Antela e Cidade de Antioquía para coñecer os seus proxectos de educación ambiental e FP
Xinzo de Limia (Ourense), 28 de febreiro de 2025
Os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participaron hoxe no Entroido escolar de Xinzo de Limia. Acompañados polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, asistiron ao Gran Desfile Infantil, que conta coa participación de alumnos de centros educativos de toda a comarca.
Previamente, o titular do departamento educativo do Goberno galego e o delegado territorial visitaron os institutos de Xinzo de Limia para coñecer os seus proxectos en materia de educación ambiental e FP. Román Rodríguez felicitou ás comunidades educativas do Lagoa de Antela e o Cidade de Antioquía polas súas iniciativas, “que demostran que non hai diferenzas entre as oportunidades dos centros e alumnos do rural e os das zonas urbanas”, destacou.
Defensa dos ecosistemas acuáticos
No IES Lagoa de Antela deu os parabéns a alumnos e docentes pola iniciativa Refuxios, a única proposta galega seleccionada na primeira convocatoria ProBleu de financiamento de proxectos relacionados coa protección da augas oceánicas e continentais, entre máis de 80 candidaturas de 19 países da Unión Europea.
Ao seu abeiro, o centro limiá entrou a formar parte da rede de Escolas Azuis e, xunto con outros 10 proxectos de diferentes países europeos, contribúe á Misión Europea Restaurar as nosas augas e océanos, promovendo a conservación dos ecosistemas acuáticos, tanto mariños como de auga doce.
En concreto, Refuxios ten como finalidade concienciar ao alumnado sobre o valor ambiental dos pequenos humidais, para o que os estudantes deseñaron e construíron unha lagoa no patio que serve de refuxio a plantas acuáticas, anfibios, aves e invertebrados, e constitúe un interesante recurso didáctico para o centro ao que a rapazada pode achegarse para descubrir a natureza que os rodea. A área conta con dous refuxios de tres metros de diámetro e dous metros de alto, elaborados con técnica mixta de vimbio e PVC, que servirán como espazo de lecer e observatorio de aves.
Na iniciativa participan os departamentos de Educación Plástica e Visual, Bioloxía e Xeoloxía, así como os de Tecnoloxía, Lingua Galega e Inglés xunto con todos os alumnos de 1º da ESO e as súas familias. Contou tamén coa colaboración do Concello e outros centros da localidade, entre outros axentes implicados.
Probleu é un programa europeo promovido polo Institut de Ciències del Mar, Kaunas University of Technology, INOVA+ Innovation Services, Earthwatch Conservation Education and Research Trust, Plymouth Marine Laboratory e Ocean Conservation Trust e ten como obxectivo impulsar a educación ambiental vencellada coa auga.
Dous proxectos de Dual Intensiva
No Instituto IES Cidade de Antioquía, os representantes da Xunta coñeceron os ciclos da familia profesional de Agraria, que constitúen case toda a oferta formativa de FP do centro, con catro titulacións diferentes.
Román Rodríguez interesouse polo funcionamento dos tres proxectos de FP Dual Intensiva que desenvolve este instituto: o ciclo medio de Produción agropecuaria e o ciclo superior de Gandaría e asistencia en sanidade animal, nos que participan 32 alumnos. Ademais, destacou o traballo e compromiso do Instituto IES Cidade de Antioquía, que dispón dun simulador de autocargador e procesadora forestal. Esta ferramenta permite replicar as funcións básicas destas máquinas, servindo como primeiro contacto co seu manexo e facilitando unha formación máis próxima á realidade laboral e produtiva. Isto é, a través dun dispositivo tecnolóxico, os alumnos poden recrear as condicións reais do uso de máquinas forestais en distintos escenarios.